Constituído o Foro Económico e Social da Deputación da Coruña para deseñar "proxectos estratéxicos" provinciais

O presidente da Deputación, Valentín González Formoso apuntou que o foro terá "carácter práctico e permeable" e espera que sirva para "ilusionar a unha sociedade que necesita crer en si mesma para ver a luz ao final do túnel".

Por E.P. | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 18/02/2021 | Actualizada ás 16:24

Comparte esta noticia

A Deputación da Coruña e axentes sociais e económicos constituíron o Foro Económico e Social no pazo de Mariñán, en Bergondo, un ente para promover proxectos estratéxicos para a provincia en materias como emprego, industria ou loita contra a Covid-19.

Coincidindo coa súa constitución, o presidente do organismo provincial, Valentín González Formoso, chamou a facer un "esforzo enorme" para superar a crise sanitaria e "garantir o futuro laboral a xeracións presentes e futuras".

En declaracións aos medios ao finalizar o encontro, González Formoso apuntou que o foro terá "carácter práctico e permeable" e espera que sirva para "ilusionar a unha sociedade que necesita crer en si mesma para ver a luz ao final do túnel". Mostrouse, ademais, "reconfortado" da participación de representantes sociais e económicos da provincia que, dixo, "é o motor económico de Galicia".

O reitor da Universidade da Coruña (UDC), Julio Abalde, explicou, xunto ao dirixente provincial, que a institución achegará "coñecemento" e proxectos para que sexan "o cambio necesario para que as empresas sigan traballando".

Abalde sostivo que para superar a crise económica derivada da sanitaria é "fundamental" tanto a dixitalización como "a reciclaxe dos traballadores". "Aí estaremos conxuntamente con axentes sociais, como uno máis, para traballar no futuro", engadiu.

INVESTIGACIÓN

O reitor da Universide de Santiago de Compostela (USC), Antonio López, asegurou, á súa vez, que os cambios na sociedade "van vir da man do coñecemento" e puxo sobre a mesa que "esta crise quizá nos fixo coñecer o valor da investigación para liquidar un problema inicialmente sanitario, pero que agora é social e económico".

López mostrouse "encantado" de estar en contacto con empresas e traballadores e apostilou que a "misión" da universidade é "pór coñecemento ao servizo da sociedade para mellorar a vida de todos".

No acto de constitución estiveron presentes o presidente da patronal coruñesa, Antonio Fontenla, e os secretarios comarcais de UGT, Ángel Iglesias, e de Comisións Obreiras, Cristóbal González, así como deputados provinciais.

A Deputación da Coruña constitúe o Foro Económico e Social coa presenza de axentes sociais e económicos. MONCHO FONTES
A Deputación da Coruña constitúe o Foro Económico e Social coa presenza de axentes sociais e económicos. MONCHO FONTES | Fonte: Europa Press

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta