Activado o Plan Supera 21 do Concello de Pontevedra con 1,3 millóns de euros en axudas para autónomos e pemes

O tenente de alcalde, Tino Fernández, asegurou que "o Concello tenta chegar ata onde pode mesmo asumindo competencias e custos que non lle corresponden".

Por E.P. | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 18/02/2021 | Actualizada ás 16:16

Comparte esta noticia

O alcalde de Pontevedra, Miguel Anxo Fernández Lores, e o tenente de alcalde, Tino Fernández, presentaron este xoves as catro liñas de actuación do 'Plan Supera' con 1,3 millóns de euros en axudas para autónomos e pemes e outros 400.000 euros para axudas ás familias.

Segundo explicou Fernández Lores o 'Supera 21' aspira a ser "o plan de reactivación económica do Concello para combater os efectos desta pandemia da Covid". Ademais, o alcalde de Pontevedra subliñou "o esforzo económico do Concello", xa que sumando a convocatoria deste ano e a do pasado, supón "preto do 3% do orzamento municipal". "Algo que penso que non fixo ningunha administración", abundou.

O rexedor resumiu esta iniciativa en que "se trata de inxectar diñeiro na economía e xerar postos de traballo, investindo en cuestións que son fundamentais". Citou como exemplo o "dar servizos aos cidadáns, mellorar a calidade de vida e a calidade urbana" tanto nos núcleos rurais como no centro urbano "dar, en definitiva, máis e mellores servizos".

Pola súa banda o tenente de alcalde, Tino Fernández asegurou que "o Concello tenta chegar ata onde pode mesmo asumindo competencias e custos que non lle corresponden", pero faino convencido de que "o importante é que aqueles cidadáns que necesiten axuda poidan atopala".

CATRO LIÑAS

A partir de mañá no sitio web supera.pontevedra. gal poderán consultarse os obxectivos do catro liñas comprendidas no Plan Supera. A primeira delas céntrase no 'Coidado das persoas', un apartado que inclúe a convocatoria para adquisición de computadores, axudas de emerxencia, axudas destinadas á provisión de produtos e bens de primeira necesidade, renda social, e atención a vítimas e violencia machista.

A segunda das liñas de axuda aborda o 'Apoio á cultura local e ao deporte', promovendo a programación de eventos e o fomento de actividades na rúa, tendo en conta a evolución situación sanitaria, de face a fomentar o consumo na hostalaría e no comercio local.

Neste apartado, o alcalde indicou que se continúa coa iniciativa posta en marcha no 2020 na programación de verán e nadal. A este respecto, lembrou que durante a programación de verán realizáronse máis de 300 actividades que supuxeron a contratación de 200 artistas e compañías e un total de 133 contratos.

O terceiro dos eixos deste plan son as medidas de 'Apoio á economía local' coa convocatoria das axudas 'Supera 21', cuxas bases está previsto que saian publicadas ao longo do mes de marzo. Segundo incidiu o alcalde, "as bases están a ser consensuadas con todos os sectores económicos" para que acheguen ideas que poidan ser recollidas na nova convocatoria. Comentou que o prazo de solicitudes será máis amplo que o do ano pasado, co obxecto de "compensar a perda de capacidade económica de moitos sectores da economía de Pontevedra".

Finalmente o 'Plan Supera' aborda o que denomina 'Investir no futuro', este apartado refírese a a inxección de liquidez en obra pública e dos sectores produtivos mais importantes da cidade, co obxectivo de mellorar a calidade de vida da veciñanza e simultaneamente "xerar unha cantidade importante de postos de traballo grazas ao plan de investimento no que se recolle a dotación de equipamento, melloras de reurbanización e dotación servizos".

ADQUISICIÓN ORDENADORES

Respecto da convocatoria para a adquisición de computadores, Tino Fernández adiantou que será aprobada proximamente en Xunta de Goberno Local, coa previsión de que o prazo de solicitude comece en marzo. Segundo explicou esta liña nace co obxecto de paliar "a fenda dixital" que se puxo de manifesto entre o alumnado co uso de plataformas dixitais por parte dos centros educativos, que se viron abocados a buscar alternativas ás aulas presenciais con motivo da irrupción da pandemia. Trátase, por tanto de "corrixir o acceso desigual por parte do alumnado ás novas tecnoloxías e garantir un acceso máis equitativo e máis igualitario".

A partida destinada a estas axudas ten un orzamento de 400.000 euros e a contía máxima da axuda será de 400 euros por computador. Subvencionarase a compra de computadores portátiles ou de sobremesa adquiridos entre o 14 de marzo de 2020 e o 31 de decembro de 2021, e o anticipo da axuda será do 100%.

As beneficiarias serán as familias empadroadas en Pontevedra con fillos menores de 18 anos matriculados no curso 2020-21 en centros de ensino públicos e o criterio económico terá en conta o número de membros da unidade familiar e a renda da familia, utilizando como elemento ponderador o salario mínimo interprofesional. Bonificaranse as familias monoparentais, as mulleres vítimas de violencia machista e os grandes dependentes.

Fernández Lores nun almorzo coloquio de Forum Europa. EUROPA PRESS - Arquivo
Fernández Lores nun almorzo coloquio de Forum Europa. EUROPA PRESS - Arquivo

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta