Traballadores de Alu Ibérica retoman a folga e as protestas con acusacións de "estafa" á dirección

O presidente do comité confirma que el e os outros tres representantes sindicais despedidos impugnarán a medida.

Por Europa Press / Redacción | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 18/02/2021 | Actualizada ás 19:03

Comparte esta noticia

Un cento de traballadores da planta de Alu Ibérica na Coruña retomaron a folga que suspenderan, tras o aumento de casos por Covid-19 na área coruñesa, e as protestas, cunha concentración ante as instalacións, que incluíu tamén a queima de pneumáticos, un corte de tráfico e proclamas esixindo unha solución a Xunta e Goberno.

Concentración dos traballadores de Alu Ibérica que suxeitan dúas pancartas nas que se le: `Intervención Xa! Non aos Despedimentos´ diante da fábrica na Coruña
Concentración dos traballadores de Alu Ibérica que suxeitan dúas pancartas nas que se le: `Intervención Xa! Non aos Despedimentos´ diante da fábrica na Coruña | Fonte: M. Dylan - Europa Press.

O presidente do comité de empresa, Juan Carlos López Corbacho --un dos últimos catro despedidos, todos eles representantes sindicais, aos que se sumou previamente o doutra compañeira que deu lugar á convocatoria de folga-- cualificou de "estafa" o proxecto de Alu Ibérica e confirmou que impugnarán uns despedimentos dos que, dixo, tiveron coñecemento polos medios de comunicación.

Corbacho denunciou, así mesmo, que ao comité de folga se lle impediu o acceso á planta "desobedecendo a doutrina actual", dixo apelando a que ten que haber unha sentenza firme ou que así o decidan os traballadores para que deixen de ostentar esa representación sindical.

Tamén manifestou que a empresa lles "denegou" a documentación que solicitaron polo despedimento e que, no seu caso, tivo que "buscar ao notario que mo quería notificar".

"Non son as formas, imos loitar porque se recoñeza o Estado de Dereito e para seguir reclamando unha solución industrial", asegurou o representante sindical que acusou a empresa de usar os motivos disciplinarios para "desfacerse de persoal".

Ademais, argumentou que a dirección "crea versións preparadas" para amparar, segundo expuxo, os citados despedimentos. "Imos demostrar que isto é unha estafa clarísima e recuperar os nosos dereitos", sentenciou no marco dunha protesta na que se volveu a pedir a intervención da planta.

MOBILIZACIÓNS

Por outra banda, avanzou que este venres terán unha reunión co Ministerio de Traballo, en Madrid, mentres que o vindeiro luns reuniranse co vicepresidente segundo da Xunta, Francisco Conde, nun encontro cos secretarios xerais de UXT, CCOO e CIG.

Este tres sindicatos anunciaron este xoves mobilizacións contra a "represión sindical" en Alu Ibérica e avanzaron que se dirixirán ao Ministerio de Industria para que convoque a mesa industrial.

A primeira acción de protesa será o día 26 cunha concentración ante a Audiencia Provincial da Coruña polo xuízo por vulneración de dereitos sindicais durante a última folga na empresa, que tivo lugar entre decembro do ano pasado e xaneiro deste ano.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta
Comentarios 1 comentario

1 Jose Manuel Souto Lamas

NACIONALIZACIONS. A resposta marxista. Imprescindibel.