O BNG acusa á Igrexa de apropiarse de bens durante o Franquismo

Pide investigar as súas inmatriculacións e anular as que recaian sobre bens de dominio público.

Por E.P. | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 19/02/2021 | Actualizada ás 14:07

Comparte esta noticia

O BNG pediu que o Goberno central investigue as inmatriculacións da Igrexa católica en Galicia e anule as que recaian sobre bens de dominio público. A través dun comunicado, o Bloque asegurou que "moitas" as propiedades reflectidas na lista publicada polo Executivo "foron rexistradas pola Igrexa de maneira absolutamente irregular", así como que "moitas foron apropiadas durante o franquismo", algunhas "carecen de título que acredite a titularidade" e outras se corresponden con "bens de dominio público".

Así, incidiu en que se debe obter información sobre os bens para comprobar "cales foron inscritos sen título previo, só coa palabra da autoridade eclesiástica sen necesidade de acreditación documental". Deste xeito, explicou que se podería coñecer se houbo inscricións irregulares, e, nese caso, iniciar os trámites necesarios para devolver os bens aos seus "lexítimos propietarios".

Ademais, defendeu que a investigación reclamada permitiría determinar cales dos bens inmatriculados "son realmente de dominio público", tras o que se debería "anular directamente a inscrición rexistral" e devolvelos á cidadanía.

A Igrexa católica conta cun total de 7.131 bens inmatriculados en Galicia entre 1998 e 2015, por mor da reforma da Lei Hipotecaria levada a cabo polo Goberno de José María Aznar, segundo a listaxe elaborada polo Goberno e enviado este martes ao Congreso dos Deputados.

Interior da igrexa de San Pedro Fiz do Hospital, O Incio
Interior da igrexa de San Pedro Fiz do Hospital, O Incio | Fonte: turismo.gal.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta