Política Social recoñece "casos illados" que quedaron pendentes de vacinación en residencias

Algunhas das razóns polas que afirma a CIG que parte do persoal "quedou sen vacinar" é porque "non foron chamados por atoparse de vacacións, permisos ou en situación de IT".

Por Europa Press / Redacción | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 19/02/2021 | Actualizada ás 18:59

Comparte esta noticia

A CIG denuncia que "falta persoal por vacinar" contra a covid nas residencias da terceira idade por "diversas circunstancias", ante o que reclama unha "segunda rolda" nos centros, "repescas" que a Xunta asegura que xa se están facendo.

A secretaria da sección sindical da CIG de Política Social da Coruña, Mar Peteira, trasladou esta situación á xefatura territorial, ao asegurar que "falta moito persoal por vacinar" e avisar de "posibles riscos de contaxios nuns centros nos que están a convivir vacinados con non vacinados en primeira liña de atención sociosanitaria".

Respecto diso, a Consellería de Política Social, recoñece que "hai casos illados" que quedaron pendentes de vacinación, de traballadores ou residentes, e asegura que para "todos" eles "estanse facendo repescas" e "se están vacinando en función da organización loxística do Sergas".

Algunhas das razóns polas que afirma a CIG que parte do persoal "quedou sen vacinar" é porque "non foron chamados por atoparse de vacacións, permisos ou en situación de IT". As fontes do departamento de Fabiola García consultadas engaden outros supostos como residentes que estaban no hospital ou que tiñan coronavirus.

A conselleira de Política Social, Fabiola García, no pleno do Parlamento. XOAN CRESPO
A conselleira de Política Social, Fabiola García, no pleno do Parlamento. XOAN CRESPO | Fonte: XUNTA - Arquivo

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta