A Xunta ábrese a ofrecer un terceiro paquete de axudas á hostalaría

Así o anunciou a conselleira de Emprego pouco despois de que se publicara a segunda vaga de subvencións.

Por Europa Press / Redacción | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 20/02/2021 | Actualizada ás 11:26

Comparte esta noticia

"Por suposto" que haberá un terceiro plan de rescate a autónomos e microempresas "se é necesario". Así de contundente se mostra a conselleira de Emprego e Igualdade, María Jesús Lorenzana, nunha entrevista con Europa Press xusto cando a Xunta acaba de publicar o seu segundo programa para paliar o impacto da covid nos sectores máis castigados pola crise, como a hostalaría.

A pandemia de coronavirus segue golpeando á economía galega e a conselleira asegura que mantén o seu "compromiso" cos negocios aos que as restricións impiden o desenvolvemento parcial ou total da súa actividade: "Van a contiuar existindo medidas de apoio económico sempre que haxa medidas sanitarias", garante.

En canto aos tempos, espera que a inxección das axudas deste segundo paquete (dotado en total con 75 millóns de euros) se poida "equiparar" cos do primeiro, que contou con outros 86 millóns que aínda se están acabando de ingresar. Respecto diso, a titular de Emprego reivindica que os pagos se fixeron "moi rápido", cunha media que fixa entre dúas e tres semanas desde a solicitude da subvención.

Pola súa banda, chama ás administracións locais a que acheguen recursos, aínda que "é certo que moitos concellos e algunha deputación sacaron axudas". A Xunta ofrece colaboración para xestionalas: "Podemos en 'x' semanas volver sacar un complemento deste plan co diñeiro que queiran achegar", di.

RETROCESO EN IGUALDADE

Na entrevista concedida a Europa Press, a conselleira ve "precipitado" sacar conclusións sobre se o coronavirus e as súas implicacións para o día a día empeoraron "a situación para as mulleres, en ámbitos como a igualdade laboral e en relación coa secuela da violencia de xénero".

Pola súa banda, defende o "reforzo" de "todos os dispositivos" para atender ás vítimas do machismo. Mentres, apunta a "mellores datos" que a media española e europea no tocante a brecha salarial. As cotas "axudaron e axudan moito" á presenza e participación de mulleres en postos directivos, pero Lorenzana avoga por ser agora "máis ambiciosas". "As empresas téñense que dar conta que non é que teñan que ter mulleres porque llo di unha norma, que é que son máis produtivas se teñen todo tipo de perfís", subliña.


Protesta de hostaleiros en Ourense.
Protesta de hostaleiros en Ourense.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta