Gonzalo Caballero: "Cada vez que nas cabinas da AP-9 pagamos as peaxes, a cara do cobrador é a do PP"

Caballero responsabiliza ao PP dos prezos "abusivos" da autopista.

Por E.P. | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 20/02/2021 | Actualizada ás 14:59

Comparte esta noticia

O secretario xeral do PSdeG, Gonzalo Caballero, volveu a responsabilizar ao Partido Popular das peaxes "abusivas" da a AP-9. "Cada vez que nas cabinas da AP-9 pagamos as peaxes, a cara do cobrador é a do PP", sentenciou. Así se pronunciou nunha rolda de prensa celebrada na mañá deste sábado na sede do PSdeG en Santiago, onde, acompañado polo presidente dos socialistas galegos, Xoaquín Fernández Leiceaga, presentou a postura do partido sobre os fondos europeos extraordinarios para a reactivación post pandemia.

"Detrás da xestión da AP-9 está o PP, que marcou a prórroga da concesión ata 2048, negouse nos gobernos de Rajoy a falar da transferencia a Galicia e votou en contra dos Orzamentos Xerais do Estado deste ano que implican bonificacións", incidiu Caballero. Por iso, na mañá na que o Goberno autonómico presentou a súa proposta para destinar as bonificacións recollidas no PGE, Caballero censurou que o goberno da Xunta do popular Alberto Núñez Feijóo "queira tomar o pelo" aos galegos cando "nada fixeron" para reverter os aumentos das tarifas dunha infraestrutura cuxa concesión a Audasa, como lembrou, foi prorrogada ata 2048 no ano 2000 polo goberno cental, entón presidido por José María Aznar.

"Se Feijóo quere ter credibilidade sobre a AP-9 debería primeiro cambiar á conselleira de Infraestruturas", sentenciou o responsable socialista en referencia a Ethel Vázquez, encargada de presentar este sábado a proposición adiantada xa o xoves tras o Consello da Xunta. "Cada vez que nas cabinas da AP-9 pagamos as peaxes, a cara do cobrador é a do PP. Non podemos permitir que nos queiran tomar o pelo", engadiu antes de afirmar que os socialistas son "os únicos" comprometidos con rebaixar os prezos da autoestrada fronte a un BNG "na pancarta" e un PP que "non fixo nada".

O secretario xeral do PSdeG, Gonzalo Caballero, na rolda de prensa no Parlamento de Galicia
O secretario xeral do PSdeG, Gonzalo Caballero, na rolda de prensa no Parlamento de Galicia | Fonte: Europa Press

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta