O PP sigue defendendo a ENCE e critica ao Goberno central pola Lei de Cambio Climático que "pechará" a fábrica

O PP di que o peche da factoría sería "o maior retroceso na súa historia do Porto de Marín" e da economía de Pontevedra.

Por Europa Press / Redacción | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 22/02/2021 | Actualizada ás 15:52

Comparte esta noticia

O presidente provincial do Partido Popular de Pontevedra, Alfonso Rueda, xunto a outros representantes do PP, reuniuse este luns con representantes dos traballadores de ENCE a quen alertaron de que o artigo 18 da Lei para o cambio climático e a transición ecolóxica, actualmente en tramitación no Congreso, suporá que a fábrica de celulosa na Ría de Pontevedra teña que pechar no ano 2033.

Na posterior rolda de prensa, á que non asistiu Alfonso Rueda, os populares desvelaron que ao longo dos últimos meses mantiveron "negociacións" con responsables do Ministerio para a Transición Ecolóxica e o Reto Demográfico "para tentar que o Goberno vexa a inseguridade que xera a lei tal e como está", segundo dixo Diego Gago.

O PP pide a "a supresión ou modificación substancial" do artigo 18 da devandita Lei de cambio climático pola "incerteza" e "inseguridade xurídica" que supón xa que "limita" a 75 anos, tendo en conta as prórrogas, a duración das concesións da zona de dominio público marítimo-terrestre que establece a Lei de Costas.

Na rolda de prensa Pepa Pardo advertiu do "impacto terrible" deste cambio lexislativo que "pon en risco de maneira directa a unha empresa que constitúe un alicerce fundamental na economía do eixo Pontevedra-Poio-Marín". Ademais indicou que o peche da pasteira sería "o maior retroceso na súa historia do Porto de Marín" e repercutiría na economía de 5.000 familias do sector madeireiro e suporía "profundar máis na grave situación social e económica" actual.

O portavoz do PP en Poio, Ángel Moldes, apuntou que cos traballadores de Ence "non queremos que se volva a repetir a historia que pasou con Elnosa" e subliñou que "se traen a pobreza a esta comarca hai dous partidos que van ser os únicos responsables o BNG e o PSOE".

O presidente provincial do Partido Popular de Pontevedra, Alfonso Rueda, nunha reunión.. PP DE PONTEVEDRA
O presidente provincial do Partido Popular de Pontevedra, Alfonso Rueda, nunha reunión.. PP DE PONTEVEDRA | Fonte: Europa Press

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta