A USC lanza un novo paquete de investigacións co impulso de fondos europeos

O turismo sustentable, a experimentación virtual e a alfabetización dixital son os eidos nos que actúan os tres novos proxectos de investigación que Ciencias da Educación executará ao abeiro do Programa Erasmus+.

Por Galicia Confidencial | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 23/02/2021 | Actualizada ás 21:00

Comparte esta noticia

Investigadores de Ciencias da Educación buscarán sinerxías nos eidos do respecto polo medio ambiente, a experimentación en contornas virtuais ou na alfabetización dixital. Cada un destes ámbitos de traballo correspóndense con outros tantos proxectos que o programa Erasmus+ financiará nos vindeiros anos con máis de 650.000 euros. Os grupos de investigación en Pedagoxía Social e Educación Ambiental (SEPA-interea) e en Tecnoloxía Educativa (Tecnoeduc) acaban de ser beneficiarios de tres proxectos ao abeiro das modalidades correspondentes a ‘Asociacións para a Preparación para a Educación Dixital no sector da Educación Escolar’ (KA226) e ‘Asociacións para a Creatividade no sector da Educación Escolar’ (KA227).   

Unha estudante fronte ao ordenador
Unha estudante fronte ao ordenador | Fonte: EFE

 

Con estas tres novas concesións, a actividade investigadora en Ciencias da Educación vese novamente recoñecida xa que mantén en vigor outros doce proxectos, actuando a USC como entidade coordinadora en dous deles. En total, a institución compostelá xestiona a través destas doce iniciativas máis de 665.000 euros, o cal implica que grazas á incorporación destes tres novos proxectos, a Facultade supere a barreira do millón de euros en captación de recursos internacionais.  

 

TURISMO VERDE

 

O proxecto ‘EDUCinema Clima TurAction: creatividade colectiva e educación comunitaria na alfabetización cinematográfica para un turismo de acción polo clima’, dirixido polo catedrático da USC e investigador principal de SEPA-interea, José Antonio Caride, focalízase no cine como recurso pedagóxico-social na acción polo clima. Estudantes de entre 15 e 17 anos crearán unha película de cinema musical con escenarios en diferentes países e contextos de interese para o turismo verde. A USC liderará esta investigación na que tamén toman parte as universidades de Aveiro en Portugal; e de Bolonia, en Italia; así como tres Institutos de Educación Secundaria.  

 

“O cinema musical escolar será unha ferramenta de sensibilización para atraer e comprometer aos turistas en accións polo clima nas súas estadías turísticas en territorios que tentan afrontar os impactos do cambio climático e das pandemias”, explica o profesor Caride. A alfabetización cinematográfica para un turismo verde de acción polo clima pon a énfase nunha dobre perspectiva de reflexión e acción pedagóxica-social, cun enfoque interxeracional, ambiental, escolar e social, cívico e comunitario.

 

“Este contexto amplía as potencialidades inherentes á creatividade colectiva centrada na acción polo clima (Obxectivo de Desenvolvemento Sustentable número 13), e o protagonismo das aprendizaxes ao longo de toda a vida (Obxectivo de Desenvolvemento Sustentable número 4)”, continúa Caride. Deste xeito, impúlsase a alfabetización cinematográfica para a promoción de boas prácticas de Educación Ambiental, que, ademais de contribuír ao fomento de valores, actitudes, ou comportamentos ecolóxica e socialmente responsables, favorezan a atracción de persoas que se sentan partícipes de actividades e/ou accións polo clima en destinos turísticos.  

 

DERRIBAR AS FENDAS DA COVID-19

 

‘InnoEduCO2: ciencia escolar e-learning one healt’ aspira a “compensar as barreiras, fendas e limitacións derivadas da crise da COVID-19, impulsando un currículo escolar experiencial baseado na aprendizaxe dixital”, explican os investigadores. Tamén impulsada dende SEPA-interea, esta iniciativa é o resultado da asociación da USC co Concello de Outes, as universidades de UIasi, en Rumanía; e  de Aveiro, en Portugal; así como dúas escolas públicas de Aveiro; o Liceo XXVI de Polonia; e o Centro de Supercomputación de Galicia (CESGA).

 

O proxecto oriéntase a reforzar a capacidade das institucións de educación e formación para proporcionar unha educación dixital inclusiva e de calidade a través do modelo pedagóxico e-learning STE(A)M-TIC que permita compensar o incremento nas carencias da UE en Educación Escolar adaptando a formación telemática da era COVID-19 ás necesidades curriculares de experimentación científica.

 

A través do desenvolvemento e implementación de modelos e-lab e e-eco vinculados á realidade aumentada que posibilita a carga xeolocalizada de datos nos ecosistemas en campo e laboratorio en diferentes océanos europeos, preténdese reforzar a capacidade das institucións de educación escolar para proporcionar unha educación dixital inclusiva e de calidade. As iniciativas deste grupo incorporan principios do deseño e encadre metodolóxico do proxecto Climántica, do que é coordinador xeral o profesor asociado da USC Francisco Sóñora, membro tamén de SEPA-interea. Ambos os dous proxectos foron os mellor puntuados nas súas respectivas categorías

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta