O conselleiro de Educación, a prol de medidas contra a docente do colexio La Salle de Santiago negacionista da covid-19

A inspección educativa está en contacto co centro e avaliará as medidas que sexan necesarias.

Por Europa Press / Redacción | Santiago de Compostela | 23/02/2021 | Actualizada ás 14:19

Comparte esta noticia

O conselleiro de Cultura, Educación e Universidade, Román Rodríguez, manifestou publicamente o seu rexeitamento ao "comportamento absolutamente anómalo" da docente negacionista da covid-19 que imparte no colexio concertado La Salle de Santiago.

Varias persoas negacionistas participan nunha manifestación contra a Lei de Saúde, que chaman 'Lei Auschwitz', en Santiago de Compostela
Varias persoas negacionistas participan nunha manifestación contra a Lei de Saúde, que chaman 'Lei Auschwitz', en Santiago de Compostela | Fonte: Europa Press.

Varios pais e docentes do centro trasladaron ao equipo directivo a súa preocupación debido a que unha das persoas que participou na marcha negacionista da fin de semana en Santiago era esta profesora, que xa fora amoestada nunha ocasión previa por incumprir o protocolo contra a covid e ir sen máscara.

Ante esta situación e as queixas dos pais, a ANPA do centro decidiu enviar un escrito aos servizos de inspección educativa e de sanidade para informar do ocorrido e da preocupación trasladada polas familias pola actitude da profesora, sobre todo ao tratarse dun comportamento con antecedentes e polo que xa foi sancionada anteriormente.

Rodríguez advertiu de que todas as persoas, sexan "profesores, bombeiros ou xogadores de 'waterpolo', teñen que "cumprir os mandatos sanitarios" vixentes neste momento, polo que a actitude da profesora "non se xustifica en ningún caso" e menos ao tratarse dunha profesional "que se dedica ao ensino, un docente".

"Sen dúbida é un mal exemplo, en primeiro lugar, polos seus compañeiros que si cumpren as medidas. E un mal exemplo para o alumnado", lamentou o titular de Educación.

ADOPTARANSE AS MEDIDAS "NECESARIAS"

Ao ter constancia do caso, a Consellería tivo un primeiro contacto co equipo directivo do centro que, xunto cos servizos de inspección, avaliará as medidas que sexan necesarias. No entanto, recoñeceu que a relación laboral da docente regúlase mediante o réxime do ensino concertado, que neste caso é co colexio La Salle e "non coa administración".

"Obviamente, os servizos de inspección están en contacto co centro e adoptaranse as medidas que entendan necesarias para que un comportamento tan anómalo como este non quede dalgún modo sen sancionar ou sen as medidas necesarias", insistiu.

En todo caso, Rodríguez asegurou que se trata dun caso "tremendamente illado" e que "a inmensísima maioría dos profesores" demostran un comportamento "absolutamente respectuoso" cos protocolos e para "facer cumprir as normas" sanitarias, que supoñen "un esforzo" pero que son "necesarias" para saír desta situación.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta