'Unha pizka de esperanza', un plan de formación en labores de cociña para usuarios do Proxecto Home Santiago

A iniciativa, na que participarán usuarios a tratamento e persoas en reinserción, tamén fomenta a economía circular da zona.

Por Europa Press / Redacción | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 24/02/2021 | Actualizada ás 13:55

Comparte esta noticia

A Fundación Monte do Gozo e a empresa especializada en cátering, Lapizka, colaborarán na formación en labores de cociña dos usuarios de Proxecto Home Santiago, co obxectivo de conseguir a súa "plena reinserción laboral".

O director-xerente da Fundación Monte do Gozo, Ramón Gómez Crespo, e o director de Lapizka, Cristian Nocito asinaron este mércores, 24 de febreiro, o convenio de colaboración na sede de Proxecto Home Santiago de Compostela, a cuxos usuarios se dirixirá o plan 'Unha pizka de esperanza'.

O convenio, "buscado, traballado e compartido" e asinado por un ano, segundo explicou Gómez Crespo en rolda de prensa, será "o punto de saída dun proxecto que contempla as saídas profesionais dos usuarios, especialmente nun contexto difícil como é o dunha pandemia".

O director da Fundación Monte do Gozo, Ramón Gómez Crespo, e o director de Lapizka, Cristian Nocito, asinan o acordo para a formación en labores de cociña dos usuarios de Proxecto Home. PROXECTO HOME
O director da Fundación Monte do Gozo, Ramón Gómez Crespo, e o director de Lapizka, Cristian Nocito, asinan o acordo para a formación en labores de cociña dos usuarios de Proxecto Home. PROXECTO HOME | Fonte: Europa Press

USUARIOS DE PROXECTO HOME SANTIAGO

O plan porase en marcha a principios de marzo e participarán, nunha primeira fase, os usuarios a tratamento, en grupos de 6 a 10 persoas como máximo. Despois, participarán xa persoas en reinserción, aínda que Crespo matizou que espera que a afluencia dos ciclos de formación, "vaia aumentando por goteo".

"O proxecto vira ao redor de catro obxectivos principais: formativo, de servizo, laboral e económico", detallou Cristian Nocito. En canto á formación, Lapizka porá a disposición dos 'estudantes' "os coñecementos e experiencia da empresa nos seus máis de 40 anos de traxectoria no sector". Este punto está relacionado intimamente coa vocación de inserción laboral do plan, "que se converterá no paso previo á saída dos usuarios ao mercado laboral".

Respecto doutro dos obxectivos, o de servizo, os asinantes do acordo indicaron que os participantes no proxecto elaborarán menús que se servirán na sede de Proxecto Home Santiago, non só para os usuarios, senón tamén para terapeutas e demais traballadores.

"Teremos á nosa disposición as cociñas do Pazo Cernadas, co que poderemos ofrecer os servizos de cociña a calquera empresa ou institución que desexe contratalos, converténdose 'Unha pizka de esperanza' nun proxecto de economía circular" -o cuarto obxectivo do plan-, sinalou Nocito. Unha parte dos beneficios destinaranse á propia Fundación Monte do Gozo.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta