O hospital da Coruña recupera cirurxías non prioritarias ante a baixada de casos

O seu xerente insta á cidadanía a ser prudentes e lembra que nesta área "máis dun 80%" da variante que circula é a británica.

Por E.P. | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 24/02/2021 | Actualizada ás 14:27

Comparte esta noticia

O xerente da área sanitaria da Coruña e Cee, Luís Verde Remeseiro, asegurou que a baixada da presión hospitalaria polos casos de Covid permitirá "recuperar a senda da normalidade asistencial" e retomar "a programación cirúrxica dos pacientes non prioritarios".

Nun vídeo remitido aos medios de comunicación, destaca os resultados obtidos coas medidas postas en marcha para frear a expansión do Covid, ademais de agradecer o traballo dos profesionais sanitarios.

Sobre os cribados másivos, cifrou en máis de 200.000 as persoas convocadas nesta área, cunha participación de "máis do 60%" e "máis de 300 casos detectados". "Cadeas de transmisión que se frean", dixo o xerente que asegurou que esta e outras medidas permitiron "dobregar a curva" de incidencia.

Así, sinalou que nesta xornada hai "63 casos novos fronte aos 475 do 22 de xaneiro e 109 hospitalizados fronte a 317 a primeiros de xaneiro". Na UCI, indicou que hai "52 pacientes, que seguen a ser moitos", admitiu, aínda que lembrou que a 2 de xaneiro eran un total de 86.

Por outra banda, expuxo que das 13 unidades de hospitalización dedicadas a Covid pasouse a sete. "Isto vainos a permitir recuperar a senda da normalidade asistencial e volver realizar actividade en consultas de Atención Primaria dunha maneira máis ordenada, ocupar unidades de hospitalización coa súa finalidade e recuperar a programación cirúrxica dos pacientes non prioritarios".

"O VIRUS SEGUE AÍ"

A pesar destes datos, o xerente da área sanitaria insistiu en que "non hai que esquecer que o virus segue aí" e remarcou que na área sanitaria da Coruña e Cee "máis dun 80% da variante que circula é a británica, que ten maior transmisión e máis gravidade dos pacientes que se infectan".

Por iso, avanzou, continuarase cos cribados e facendo probas aos contactos, ademais de seguir coa vacinación. E, neste contexto, apelou á prudencia por parte da cidadanía á que instou a facer só aquelas actividades que sexan "imprescindibles".

Profesionais que realizan probas PCR xunto ao xerente da área sanitaria da Coruña e Cee, Luís Verde Remeseiro. CHUAC
Profesionais que realizan probas PCR xunto ao xerente da área sanitaria da Coruña e Cee, Luís Verde Remeseiro. CHUAC | Fonte: Europa Press

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta