Galicia pechou 2020 coa "mellor cifra" de criminalidade da última década

Mantense como a cuarta autonomía máis segura do Estado.

Por E.P. | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 24/02/2021 | Actualizada ás 14:49

Comparte esta noticia

O delegado do Goberno en Galicia, Javier Losada, destacou este mércores que a taxa de criminalidade de Galicia finalizou o 2020 consolidando o descenso de meses anteriores e alcanzando a mellor cifra dos últimos dez anos, con 27,3 infraccións penais por cada 1.000 habitantes, 2,3 puntos menos que no ano anterior.

Tras coñecerse o martes o balance de criminalidade do cuarto trimestre do ano publicado polo Ministerio o Interior, o delegado do Goberno resaltou que Galicia continúa como cuarta comunidade máis segura de Estado, cunha taxa que está dez puntos por baixo da media española.

Conforme sinala nun comunicado remitido aos medios, a nivel provincial, todas as provincias rexistran importantes descensos, especialmente no caso da Coruña, onde a taxa baixa ata o 28,7 (infraccións penais por 1.000 habitantes), tres puntos menos respecto ao período anterior. Pola súa banda, Pontevedra acumula un descenso de 1,8 puntos, ata os 28,8 casos por cada 1.000 habitantes. En canto a Lugo, descende 1,6 puntos ata o 21,1; e Ourense, rexistra 2,3 puntos menos ata 24,3 infraccións penais por cada 1.000 habitantes.

Así mesmo, sinalou que a taxa de criminalidade en Galicia descende en paralelo á diminución das infraccións panales acumuladas. En concreto, entre xaneiro e decembro do pasado ano os casos coñecidos polos Corpos e Forzas de Seguridade en Galicia foron 80.024, un 7,9% menos que no 2019 (6.314 infraccións menos).

Javier Losada destacou que da totalidade de infraccións penais, as categorías principais descenderon máis dun 18%: "Falamos de delitos moi graves ou graves que provocan maior preocupación entre a cidadanía, como os roubos con violencia ou forza, os homicidios, os delitos de tipo sexual e os furtos".

En canto á tipoloxía, o delegado do Goberno apunta que os maiores descensos se dan en roubos e furtos. Tamén diminúen os delitos contra a liberdade sexual e os homicidios caen máis dun 31%. Ao contrario, aumentan as infraccións penais de tipo económico.

Losada advertiu sobre o crecemento das estafas, especialmente as de tipo bancario e os delitos vinculados ao branqueo de capitais.

Catro persoas detidas en relación ao roubo con violencia nunha gasolineira de Ferrol. POLICÍA NACIONAL
Catro persoas detidas en relación ao roubo con violencia nunha gasolineira de Ferrol. POLICÍA NACIONAL

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta