A CIG ve "abusiva" a proposta de servizos mínimos da Xunta para a folga feminista do 8-M

Censura que aumenten os efectivos no 112 aducindo que o luns é o día con "máis emerxencias", o "mesmo" argumento que en 2019.

Por Europa Press / Redacción | Santiago de Compostela | 25/02/2021 | Actualizada ás 14:50

Comparte esta noticia

A CIG cualificou de "abusiva" a proposta de servizos mínimos presentada pola Xunta para a folga de mulleres convocada para o próximo 8 de marzo na que, segundo resalta a central nacionalista, "refórzase a presenza de persoal xusto nos sectores máis feminizados".

8-M en Galicia
8-M en Galicia | Fonte: Europa Press.

O sindicato expresa o seu rexeitamento á proposición da Administración galega, "un texto en masculino xenérico, de 250 páxinas, que fixo chegar hai apenas día e medio", segundo denuncia a secretaria de Organización da central, Susana Méndez, que cualifica o proceder da Xunta como "unha falta de respecto e consideración".

A responsable sindical censura que a Xunta "use a pandemia" como "escusa" para "elevar" os servizos mínimos durante a folga, algo que para a CIG é unha xustificación "pouco crible cando en situacións similares hai centros nos que soben os efectivos e outros non".

Por iso, a central considera que os servizos mínimos expostos pola administración "parecen buscar impedir ás mulleres exercer o seu dereito a folga". Neste sentido, pon o foco en que a Xunta "use a pandemia" para "aumentar" os efectivos dos servizos de limpeza e coidado, "casualmente desempeñados" maioritariamente por mulleres.

Así as cousas, a CIG demanda que a Xunta rectifique e determine que os servizos mínimos para a cobertura das xornadas o próximo 8 de marzo sexan os "imprescindibles" para facer fronte aos servizos esenciais, polo que rexeitan "todo o que estea por encima dos efectivos" que traballan un domingo ou en festivo.

Así mesmo, denuncian que "se reforcen" os efectivos da central do 112 o 8 de marzo, argumentado pola Xunta, segundo a CIG, en que os luns son o "día intersemanal no que se rexistra un maior número de requirimentos" no centro de atención ás emerxencias.

Para a CIG, este argumento "resulta curioso" pois esa "mesma" xustificación foi empregada no decreto de servizos mínimos para a folga do 8-M do ano 2019, cando caeu a venres. "Os días de maior número de requirimentos do 112 coinciden cada ano casualmente co día de semana en que cae o 8 de marzo", ironizou a secreteria de organización da CIG.

Por outra banda, tamén denuncian a falta de acordo para os servizos mínimos na CRTVG, que "aumentan en algo máis do 5%" respecto da folga de 2019 (en 2020, o 8 de marzo foi domingo).

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta