O Concello de Santiago acata a sentenza sobre os pisos turísticos, pero insiste en que é necesario regulalos

O alcalde, "esperanzado" polo alivio, avanza inspeccións regulares na hostalaría.

Por E.P. | Santiago de Compostela | 26/02/2021 | Actualizada ás 15:36

Comparte esta noticia

O alcalde de Santiago, Xosé Sánchez Bugallo, explicou este venres que o Concello acatará as tres sentenzas do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia (TSXG) que anulan o artigo 143 bis do Plan Xeral de Ordenación Municipal, mediante o cal o Goberno local pretendía prohibir os pisos turísticos na zona vella, pero reafirmou o seu compromiso coa "regulación" deste tipo de aloxamentos.

Imaxe dun piso turístico ofertado na plataforma de Airbnb
Imaxe dun piso turístico ofertado na plataforma de Airbnb | Fonte: Airbnb.

Sánchez Bugallo subliñou que o TSXG "non anulou todo o plan, senón un artigo concreto do plan" e, aínda que destacou que "as sentenzas hai que acatalas e cumprilas", confirmou que o Goberno seguirá na liña prevista de limitación, "que non prohibición" deste tipo de propiedades na cidade, "favorecendo así o seu uso como vivenda".

"Aínda que moitos poidan entender as vivendas como un negocio, nós non o entendemos así. O concello entende a vivenda como iso, unha vivenda", recalcou o alcalde. "O criterio non é prohibir os pisos turísticos, senón regulalos, para o que se estableceron unha serie de condicións", explicou Bugallo.

Utilizar a propiedade como residencia habitual durante nove meses e como piso turístico o tempo restante ou habilitar "unha ou dúas habitacións" para aluguer turístico na vivenda son algúns dos requisitos aos que se referiu o rexedor municipal que, ademais, indicou que "os pisos que desexen converterse en turísticos teñen á súa disposición os mecanismos para a súa autorización".

O problema, sinalou, son aquelas actividades anteriores a 2017, --á lei regulatoria da Xunta de Galicia e ao plan municipal--, sen licenza municipal e que non cumpren os requisitos establecidos, "aínda que estean inscritos no rexistro da Xunta", xa que "a autorización de uso é municipal, non do Goberno autonómico". Neste sentido, Bugallo avanzou que a corporación traballará nunha ordenanza especial que regule os usos preexistentes, seguramente "coincidindo coa aprobación do Plan Xeral no pleno extraordinario previsto para a primeira quincena de marzo".

HOSTALARÍA

Por outro lado, Bugallo, cualificou de "esperanzador" o alivio nas restricións -especialmente en canto ao peche perimetral, hostalaría e comercio-, e, aínda que está "convencido" de que a inmensa maioría cumprirá as medidas, avanzou que se realizarán inspeccións regulares na hostalaría. "O obxectivo é facer dous controis semanais", especificou o rexedor.

En canto aos datos de incidencia acumulada a 14 días, "pasaron de máis de 700 hai un mes, a 109 positivos segundo os datos deste xoves", dixo.

"A apertura do peche perimetral era unha condición sine qua non para a supervivencia do comercio de Compostela. Os avances na hostalaría son máis lentos. Esperamos ir recuperando a normalidade no sector, como no turismo, aos poucos", sinalou o rexedor, que matizou que esa "normalidade" non será completa ata que "haxa vacúas" para todos.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta