A Deputación de Pontevedra reduce a súa débeda de 7,6 a 1,8 millóns de euros

Segundo destacou o goberno provincial, as contas "certifican a calidade na xestión económica dunha das administracións máis solventes do Estado".

Por E.P. | Pontevedra | 26/02/2021 | Actualizada ás 16:57

Comparte esta noticia

O pleno da Deputación de Pontevedra pechou este venres formalmente o exercicio orzamentario de 2020 co visto e prace á liquidación dunhas contas que, segundo destacou o goberno provincial, "certifican a calidade na xestión económica dunha das administracións máis solventes do Estado". En concreto, logrou o último exercicio unha nova rebaixa da débeda e cumpriu a estabilidade orzamentaria.

Pleno da Deputación de Pontevedra
Pleno da Deputación de Pontevedra | Fonte: Deputación.

O exercicio 2020 pechouse con superávit de máis de 13 millóns de euros e o fito de non levantar un só reparo de Intervención. Os informes ratifican tamén o cumprimento, "a pesar do complicado contexto socioeconómico", dos principios de estabilidade orzamentaria e regra de gasto, así como a práctica eliminación da débeda.

E todo iso, segundo destacou o deputado Carlos López Font "reforzando" a súa posición como a Administración provincial de toda España que máis fondos transfire aos concellos, "chegando ata a cifra marca do 35,35%", un balance cualificado como "histórico" polo deputado de Economía e Facenda.

López Font subliñou que a Deputación foi capaz de pagar practicamente o 100% das obrigas recoñecidas ao longo do ano. Ao peche deste orzamento só constan tres facturas, por importe de pouco máis de 3.000 euros, e que foron presentadas despois de 31 de decembro.

O remanente de Tesouraría ao peche do ano ascendeu a 155,5 millóns de euros (algo máis dun 5% sobre o ano anterior). Gran parte dese remanente financia créditos de gastos por valor de 129 millóns de euros que, xunto coas desviacións positivas (3,9 millóns) e compromisos de ingresos (7 millóns de euros) alcanzan créditos de gastos por un total de 140,6 millóns.

A débeda provincial quedou en 1,8 millóns de euros, despois de comezar o ano en 7,6 millóns. "Atopámola en 40,9 millóns de euros cando chegamos ao Goberno no ano 2015 e estamos a piques de eliminala. Recibimos unha Administración hipotecada e agora somos unha Administración modélica que está a un paso da débeda cero. Non é cuestión de maxia, nin de arquitecturas financeiras, tan só de respecto máximo polos recursos públicos", incidiu Font.

O nivel de execución do orzamento mantense en torno ao 50%, como sucede desde 2019.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta