Serven realmente os ERTE para salvar e manter o emprego?

A opción dos ERTE salvou a moitas empresas dun peche seguro durante a pandemia. A oferta desta posibilidade económica viña condicionada a manter empregos polo menos seis meses despois de finalizado o expediente temporal. A pregunta que xorde é, poderían moitas empresas pechar a súa actividade despois do ERTE e saír impunes? Aceptarían os empresarios o control das autoridades laborais despois de recibiren axudas públicas?

Por Moncho Mariño | Santiago de Compostela | 06/03/2021 | Actualizada ás 14:00

Comparte esta noticia

Os ERTE aplicados a día de hoxe traduciranse en peches dalgunhas empresas, sobre todo en sectores como a hostalaría e o comercio. Isto é o que acontecerá segundo algúns sindicatos. O gran temor é a perda de postos de traballo masiva logo da finalización deste período “de gracia” que precederá á crise económica que xa anunciaban desde o FMI o pasado 2020. Pola súa parte, sectores empresariais están a favor da extensión desta fórmula durante o período de crise. O motivo é evitar o peche de empresas. Existe tamén a idea de que, en comparación coa crise de 2008, esta da COVID afecta a todos por igual, países ricos e países pobres, de aí que os condicionantes emitidos polos países máis ricos desta volta, non sexan tan draconianos cos países pobres como aconteceu coas “receitas de austeridade”.

O presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo, en rolda de prensa. DAVID CABEZÓN
O presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo, en rolda de prensa. DAVID CABEZÓN | Fonte: XUNTA

ERTE, UNHA BOMBA OU UNHA SALVACIÓN?

Os ERTE son vistos como unha boa medida en tanto que “manteñen vivos o emprego e a actividade empresarial por aforrar custes” din desde CCOO. Desde outra perspectiva, esta vía de enfrontar unha crise económica “son ferramentas que pagan os traballadores a partir de axudas públicas e que axudan máis ao empresariado que ao traballador” sinalan da CUT. Esa maior utilidade para os empresarios dá a oportunidade de recorrer ao ERTE en varias ocasións? “Nós avisamos da necesidade de controlar o seu uso, porque se abusou desta figura e sen xustificación”, segundo din desde a CIG. A CEG ve necesaria a extensión temporal destes expedientes para “evitar unha mortandade empresarial desmesurada que doutro xeito se podería dar na práctica”.

“O abuso desta figura legal tivo a súa orixe na reforma laboral por eliminar boa parte do control sobre o ERTE” din fontes da CIG. O efecto é que a poboación ve persoas que “cobran” continúan nos seus  postos de traballo. Mais todo isto non garante a continuidade en ditos postos aínda que “os postos se garantan durante seis meses despois do expediente temporal” desde CCOO, sindicato que tamén reclama aplicar con forza a idea de “se esa empresa fai un axuste durante o período do ERTE que devolva o diñeiro”. “Aínda que si serviron para amortecer a perda de emprego, estas medidas son moi mellorables, sobre todo na súa xestión” apunta a CUT.

E aínda así, aínda reducindo os custes económicos e sociais que suporía unha crise económica, o peche de empresas é inevitable? “Efectivamente esa posibilidade pódese dar” aseguran desde a CEG. “Pódese dar o caso de que economicamente non poidan subsistir e recorran a un procedemento concursal que derive na desaparición da empresa”.

Pedro Sánchez en rolda de prensa.. POOL - Arquivo
Pedro Sánchez en rolda de prensa.. POOL - Arquivo


FISCALIZACIÓN DOS ERTE

A perda desmesurada de postos de traballo é unha traxedia, mais cando se inxectou liquidez con diñeiro público para evitar o desemprego masivo, xorde a pregunta, que fixeron cos cartos do Estado ou da UE ou autonómicos? “Temos o caso de Gamesa, por exemplo, recibiu subvencións para recuperar emprego” para acabar deslocalizando a produción sen que “houbese un mecanismo fiscalizador que penalizase unha manobra comom esta” apuntan desde CCOO Emprego.

“Ese foi un exemplo (o de Gamesa) para pedir cartos públicos e logo dicir que senón pechan” incide a CUT. “É como unha relación mafiosa, págame e manteño os postos” insisten desde a Central Unitaria. Chantaxista ou non, o empréstito público procede moitas veces dunhas negociacións entre gobernos e grandes empresas que case sempre poden pechar e buscar outro espazo onde abrir. “É un problema sistémico, ninguén se opón ás grandes empresas”.

“A relación é de chantaxe, se a empresa comeza a ter perdas ou di ter perdas, comeza unha chantaxe ao Estado para que lle dea diñeiro sen garantías de devolución” analizan desde a CIG.  Desde a CEG, preguntados sobre a necesidade ou non dun modelo fiscalizador sobre os ERTE, que controle o uso dese diñeiro público, apuntan que “estes mecanismos de control xa existen, xa están habilitados polo Goberno como poden ser as campañas inspectoras”.

E con todo, os ERTE e parte das coberturas sociais non chegaron a todos. Isto porque xusto antes de comezar as medidas económicas contra a COVID, houbo moita xente que estaba xa sen traballo con contratos finalizados. Estas persoas pederon dereitos de protección durante a pandemia.

Os ERTE poden acabar en ERE, expedientes de regulamentación de emprego cuxo obxectivo a maioría das veces é o peche da empresa. Non hai cálculos sobre a porcentaxe de empresas, medianas e pequenas que  podan desaparecer. Segundo estimacións sindicais e empresariais a industria pode levar mellor a crise “que vén”, mentres que haberá sectores cunha forte caída do emprego sen un horizonte claro de recuperación.

Protesta de traballadores de Siemens Gamesa
Protesta de traballadores de Siemens Gamesa
Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta
Comentarios 1 comentario

1 Gamela

A Débeda Pública disparada ao 125% do PIB e Bruxelas que reactivará o límite de gasto a partires do 2023 ! Así pasaremos esta lexislatura de malamaneira ata que cheguen os "homes de negro" e dictaminen que para este país rematou o crédito ! Daquela ninguén lembrará a pandemia ! E volverán a dicir que vivimos por riba das nosas posibilidades ! (algúns sen dúbida algunha!) https://youtu.be/NUEdId03Du8