Temas: MORTE PONTEVEDRA

Morre un home de 89 anos e dúas mulleres intoxicadas por fume nun incendio nunha vivenda en Pontevedra

Os bombeiros investigan as causas do lume, que apuntan a unha manta eléctrica.

Por Europa Press / Redacción | Pontevedra | 27/02/2021 | Actualizada ás 11:06

Comparte esta noticia

Un incendio ocorrido de madrugada nunha vivenda de Pontevedra saldouse coa morte dun ancián de 89 anos e con outras dúas mulleres, de 86 e 39 anos, que tiveron que ser atendidas por síntomas de intoxicación por inhalación de fume.

Camión de bombeiros
Camión de bombeiros | Fonte: Consorcio Provincial de Bombeiros de Ourense.

O lume orixinouse nunha das habitacións do domicilio, situado na rúa de Santa Teresa de Jesús Jornet, ao redor das 3,00 horas da mañá. Foron varias as persoas particulares que chamaron ao 112 Galicia para alertar do incendio, segundo informa este servizo de emerxencias.

Seguidamente, o 112 pasou o aviso aos bombeiros de Pontevedra, á Policía Nacional, á Local, a Protección Civil da cidade e a Urxencias Sanitarias-061, que desprazou unha ambulancia e unha UVI móbil.

A pesar dos esforzos, os servizos médicos que acudiron ao domicilio non puideron facer nada por salvarlle a vida ao home, que se atopaba encamado na habitación. Pola súa banda, as dúas mulleres que tamén estaban na vivenda foron evacuadas a un centro médico por inhalación de fume e crise nerviosa.

Segundo a información facilitada ao 112 polos Bombeiros de Pontevedra, o lume calcinou por completo a habitación e o fume chegou a afectar a toda a vivenda. As causas do incendio están a ser investigadas, aínda que as primeiras pescudas apuntan ao funcionamento dunha manta eléctrica.

Temas: MORTE PONTEVEDRA
Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta