Baltar non ve a Feijóo dando o salto á política estatal e vaticina que conseguirá "unha quinta vitoria" en Galicia

"Quedan dous anos de mandato; poden pasar moitas cousas", di o presidente provincial sobre as relacións con Jácome no Concello de Ourense.

Por Europa Press / Redacción | Ourense | 28/02/2021 | Actualizada ás 16:14

Comparte esta noticia

O presidente da Deputación de Ourense e líder do PP ourensán, Manuel Baltar, cre que Alberto Núñez Feijóo continuará na política galega e non dará o salto á estatal para encabezar o PP, onde, ao seu xuízo, o presidente popular Pablo Casado está en disposición de "refundar o centro dereita" e chegar á Moncloa.

O presidente da Deputación de Ourense, Manuel Baltar, intervén nun acto co xefe do Goberno galego, Alberto Núñez Feijóo, ás súas costas
O presidente da Deputación de Ourense, Manuel Baltar, intervén nun acto co xefe do Goberno galego, Alberto Núñez Feijóo, ás súas costas | Fonte: Deputación de Ourense - Arquivo.

"A Feijóo véxoo de presidente de Galicia. Haberá unha quinta vitoria", aseverou nunha entrevista concedida a Radio Nacional este domingo na que Baltar sinalou que o xefe do Goberno galego "tivo", nun "momento importante", a súa oportunidade de postularse para a presidencia do partido a nivel estatal tras a despedida de Mariano Rajoy, pero "decidiu apostar por Galicia".

"E Galicia respondeulle de forma masiva", continuou, en referencia ás autonómicas do pasado verán nas que Núñez Feijóo revalidou a súa maioría absoluta, a cuarta consecutiva.

Sobre Casado, o responsable provincial cre que será "presidente do Goberno". "Quen o diría de (Pedro) Sánchez e outros que chegaron a presidentes", comentou antes de indicar que o presidente do seu partido enfróntase a unha "situación de fragmentación política que non pasara antes" e que o seu reto é facer que os votantes "volvan ver no PP" a organización que fixo fronte "aos peores momentos de España".

CONCELLO DE OURENSE

"Quedan aínda dous anos de mandato; poden pasar moitas cousas. O PP estará sempre para procurar a estabilidade das institucións das que forme parte". Así se pronunciou ao ser cuestionado sobre a situación no Concello de Ourense, gobernado en minoría polo alcalde e líder de Democracia Ourensá, Gonzalo Pérez Jácome, tras a ruptura o pasado verán do acordo co PP, grazas ao cal, Baltar retivo tamén a presidencia da Deputación.

Baltar defendeu que ese acordo supuxo un "horizonte de estabilidade" na cidade que permitiu a aprobación duns orzamentos e que estivese "a piques" de saír adiante o plan de urbanismo.

Deste xeito, apuntou a que a última resolución xudicial "parece que exime" a Pérez Jácome "dese asunto que pintaba tan mal", en referencia ao arquivo da denuncia presentada polos edís críticos de Democracia Ourensana que acusaban o alcalde de malversar as contas do partido e que foi o causante da ruptura do acordo de gobienro con Pérez Jácome.

Por iso, Baltar emprazou a "ver como se desenvolven os acontecementos" no goberno da capital provincial, ao que o PP regresou tras a petición de DO pola hospitalización dun dos edís do executivo, o que impedía a celebración de xuntas de goberno local.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta
Comentarios 1 comentario

1 Gamela

Polo pan baila o can... o único que lles preocupa aos Populares en Ourense son as Torres do Miño que seica Jácome aínda non traga... Pero tanto PSOE coma PP seguro que xa teñen adxudicados algúns pisos de regalo para darlle luz verde ao PXOM de Ourense !