Por Galicia Confidencial | A Coruña | 02/03/2021 | Actualizada ás 13:11
A Delegación do Goberno en Galicia recibiu numerosas solicitudes en todas as provincias para organizar manifestacións e concentracións con motivo da conmemoración o próximo 8 de marzo do Día da Muller.
Nestes momentos de pandemia, a autoridade delegada é a Xunta como responsable da sanidade pública, polo que todas as comunicacións que chegan á Delegación do Goberno son remitidas a Saúde Pública, informan a Efe fontes do Goberno. En todo caso, engaden, se as solicitudes se cursan en prazo e non son incompatibles con outras, entre outros requisitos, a Delegación do Goberno dáse por informada; no caso de que se detecten incumprimentos, comunícanse ao peticionario.
A propia Delegación do Goberno en Galicia suspendeu a concentración e actos do 8M a modo de "exemplo" para evitar aglomeracións de persoas na medida do posible, e limitarase a difundir un vídeo en redes sociais para conmemorar este día e a distribuír un folleto coas medidas do Goberno vinculadas á muller.
A actividade máis representativa levará a cabo mañá, cando se presentará nos Xardíns de Méndez Núñez, ante a estatua de Emilia Pardo Bazán, unha moeda conmemorativa da escritora coruñesa con motivo do 8M e coincidindo este ano co centenario do seu falecemento.
Tamén esta mañá a subdelegada do Goberno na Coruña, Pilar López-Rioboo, participou na colocación dunha pancarta con motivo do Día Internacional da Muller, que permanecerá colgada no exterior da fachada principal do edificio da Subdelegación do Goberno até o próximo 8 de marzo.
Con este acto simbólico, que se repetiu en todas as provincias galegas, a Subdelegación na Coruña únese a conmemoración do Día Internacional da Muller.
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.