Aberta a inscrición para participar no VI FIC Vía XIV de Verín

Veñen de publicarse as bases para enviar curtametraxes a este certame cinematográfico que, por segundo ano consecutivo, celebrarase na segunda semana de setembro.

Por X.M. Fernández | Verín | 03/03/2021 | Actualizada ás 10:15

Comparte esta noticia

"A maxia do cinema volverá a Verín da man dun dos certames culturais máis consolidados da axenda da vila", refire Carlos Montero, o seu director. 

Imaxe da V edición. Foto: Organización
Imaxe da V edición. Foto: Organización

Será a VI edición e está previsto que teña lugar nas mesmas datas que o ano pasado, na segunda semana de setembro e "sempre que as condicións sociosanitarias o permitan", matiza tamén Montero.

As bases para participar están xa na páxina web do FIC Vía XIV e os proxectos enviados poden enmarcarse nas catro categorías que compoñen o festival: A Raia, Horizonts, Outra Mirada e Nova. A cota de inscrición por cada curta é de 2 euros se se fai antes do 31 de marzo. De facelo con posterioridade a organización contempla que se paguen 3 euros se a inscrición se fai antes do 3o de abril e de 4 euros se se realiza antes do 31 de maio, última data para poder entrar a concurso.

No que respecta á preselección, as obras enviadas deben reunir as seguintes condicións:

-MPEG4 AVC (codec H264).

-Tasa Máxima de transferencia de bits: 3000 kbps.

-Subtítulos incrustados.

-Resolución mínima: 480 p

As obras audiovisuais non poderán superar os 31 minutos, teñen que estar gravadas despois do 1 de xaneiro de 2020 e se se filmaron en idiomas diferentes do castelán e do galego deberán incluír subtítulos nestas linguas ou en inglés.

A inscrición farase a través do apartado correspondente da páxina web do festival completando os datos que se solicitan e para aclarar dúbidas o correo de contacto é inscricion@ficviaxiv.com.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta