Por Europa Press / Redacción | Santiago de Compostela | 03/03/2021 | Actualizada ás 20:21
O Movemento Galego da Saúde Mental tacha de "propaganda" o plan do Sergas de benestar emocional dirixido ao persoal ante a pandemia do coronavirus.
Esta entidade acusa o Servizo Galego de Saúde de "acordarse por primeira vez do persoal" despois dun ano de impacto da covid-19.
"Agora, o Sergas quere que pareza que ten en conta o persoal a quen acusou nalgúns momentos de ser o principal transmisor do mal por relacionarse entre eles e coas súas familias", censura.
Un persoal que "foi vilipendiado" pola Xunta "por tratar de protexerse como podía cos escasos medios dos que dispuña, chegando a ser sinalado como esaxerado e catastrofista", ao que "descoidou gravemente negando a necesidade de protección".
"Pero o Sergas pretende librarse unha vez máis do que lle corresponde. Neste caso da responsabilidade que ten no coidado da organización, da sanidade e dos que traballan nela", reprocha o Movemento da Saúde Mental.
E é que recrimina que o Sergas busca "redefinir como pertencentes a patoloxía as consecuencias do abandono da institución sobre o persoal sanitario". Por todo iso, reclama medios e insta o Goberno galego a que "proceda de forma inmediata á reparación do dano".
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.