Denuncian que o Ministerio de Defensa segue incumprindo a Lei de Memoria Histórica en Galicia

O colectivo de Presas e Presos Políticos de Ferrol envioulle a Defensa un escrito onde expón que en Galicia aínda quedan 23 símbolos franquistas.

Por Jessica Fernández | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 04/03/2021 | Actualizada ás 12:14

Comparte esta noticia

O colectivo de Presas e Presos Políticos de Ferrol na Ditadura acusa ao Ministerio de Defensa do Goberno español de incumprir a Lei de Memoria Histórica de 2007 por negar que haxa actuacións pendentes con respecto aos símbolos franquistas de Galicia.

Retirada dun símbolo franquista na igrexa parroquial de Lalín a instancias do cura párroco
Retirada dun símbolo franquista na igrexa parroquial de Lalín a instancias do cura párroco | Fonte: Concello de Lalín

O colectivo defende ter enviado o 21 de decembro de 2020 un escrito a Margarita Robles, ministra de Defensa, notificando que en Galiza existían 23 símbolos franquistas, 13 deles en Ferrol, en instalacións que dependen de Defensa e pedindo a súa retirada en cumprimento da Lei de Memoria Histórica de 2007.

 

Porén, Defensa contestoulles sinalando que “conforme a los datos disponibles en este Departamento, no consta que existan actuaciones pendentes al respecto. Si surgieran nuevos supuestos, la reacción del Departamento será la que establece la ley”.

 

Por isto, o colectivo entregou este xoves, 4 de marzo, un novo escrito no rexistro da Subdelegación do Goberno na Coruña, manifestando a súa sorpresa á resposta de Defensa e  reiterando que "en Galiza existen 23 símbolos franquistas en instalacións, que dependen de Defensa, e 13 están en Ferrol".

 

Por isto, o colectivo denuncia que "hai un evidente incumprimento da Lei de Memoria Histórica por parte de Defensa, unha ofensa ás vítimas da ditadura franquista, un desprezo aos acordos plenarios do concello de Ferrol e que hai que actuar hoxe sen esperar a que exista a unha nova lei".

O escrito remata recalcando que se Defensa segue negando a evidencia e manifestando que “no consta que existan actuaciones pendientes”, sinalan que "poñeremos estes feitos en coñecemento da Fiscalía porque o incumprimento reiterado da lei podería ter un carácter penal".

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta