Denunciado no xulgado de garda o presidente de Ence tras afirmar que a empresa podería dar un "susto ambiental"

A empresa reitera que as palabras do CEO están "descontextualizadas" e defende a seguridade da planta.

Por Europa Press / Redacción | Pontevedra | 04/03/2021 | Actualizada ás 14:40

Comparte esta noticia

A Asociación pola Defensa da Ría (APDR) presentou denuncia no Xulgado de Instrución de Garda de Pontevedra contra o presidente de Ence, Ignacio de Colmenares y Brunet, polas súas recentes palabras sobre a situación de perigo das instalacións da fábrica de Lourizán.

De esquerda a dereita: o director xeral de Finanzas de Ence, Diego Maus; o conselleiro delegado de Ence, Ignacio de Colmenares, e o director de relacións cos investidores, Rafael Rico
De esquerda a dereita: o director xeral de Finanzas de Ence, Diego Maus; o conselleiro delegado de Ence, Ignacio de Colmenares, e o director de relacións cos investidores, Rafael Rico | Fonte: Europa Press.

A denuncia foi presentada este mércores día 3 de marzo e, segundo informa o presidente da APDR, Antón Masa, céntrase en dúas cuestións fundamentais, a primeira delas no feito de tentar "chantaxear repetidamente a un alto cargo do Goberno".

En concreto, a APDR considera de "suma gravidade" que Ignacio de Colmenares acuda ata sete veces a reunirse co Secretario do Estado para que modifiquen un texto legal que "estivo en exposición pública", polo que Ence "puido alegar o que considerase oportuno".

"Pretender cambiar un texto legal mediante a presión aos órganos do Goberno non é admisible nun Estado democrático, e mesmo poida que se trate dun feito delituoso", considerou.

O outro punto refírese a a situación da planta e ao perigo que supón a falta de investimento para solucionar as súas carencias.

A APDR denuncia que, a pesar de coñecer o seu estado e que "pode derivar nun episodio ambiental de gravidade, con afectación ás persoas", a empresa decide non investir e pór "en risco o medio ambiente, as vidas dos traballadores e a poboación da contorna".

"Decidir non facelo se non se garante a permanencia da empresa en Lourizán máis aló do 2033 é optar, de forma deliberada e consciente, por atentar contra o medio ambiente e a integridade física das persoas, un feito que cualificamos de extrema gravidade e que pode ter implicacións penais", engade Masa.

"SÓ CABE ACTUAR"

A asociación dálle credibilidade ao manifestado por Colmenares cando di que a caldeira de recuperación de Ence non cumpre cos mínimos esixibles de seguridade para o medio ambiente e para as persoas e pregúntase pola validez das certificacións ambientais publicadas pola empresa.

"Nesta situación só cabe actuar para evitar que ese risco grave existente chegue a provocar ese 'susto maiúsculo' do que fala o señor presidente e que mesmo pode afectar as persoas", xustifica o colectivo ecoloxista.

Á vista destes feitos, desde a APDR solicitan a incoación das dilixencias previas para investigar e depurar as responsabilidades penais que se poidan derivar dos feitos denunciados e que se cite a Ignacio de Colmenares para prestar declaración como imputado.

GRAVADO "ILEGALMENTE"

Ante a denuncia presentada pola asociación, a empresa emitiu un comunicado no que defende que o complexo de Ence en Pontevedra "é totalmente seguro", como avala a certificación de Aenor que "acredita o cumprimento da norma internacional ISO 45.001 por parte da planta, polo seu robusto sistema de xestión da seguridade".

"De feito, os índices de seguridade de Ence Pontevedra son, ano a ano, dez veces mellores que os da industria en España", engaden desde a empresa, que lembra que a planta é inspeccionada "periodicamente -con resultados satisfactorios- por organismos de control autorizado pola Administración do Estado" nos diferentes ámbitos de aplicación da regulamentación de seguridade industrial.

Ence reitera que o extracto da intervención do CEO da empresa, cuxas manifestacións son obxecto desta denuncia, foi "gravado ilegalmente" e "non debe ser descontextualizado", senón que "debe entenderse como parte dunhas palabras dirixidas internamente ao conxunto do equipo humano da empresa".

"Este extracto, de preto de catro minutos de duración, é parte dunha intervención de máis de tres cuartos de hora. Estas palabras, sacadas do seu contexto, non reflicten o sentido nin o significado das citadas declaracións, que si quedaron adecuadamente explicadas no conxunto da intervención", defenden.

A empresa asegura que a seguridade da planta "non se pon en dúbida en ningún momento na citada intervención" e alúdese, unicamente, "ás molestias que o cheiro pode supor puntualmente para as persoas da contorna próxima á instalación".

E engade que, "minutos antes", o CEO referiuse á necesidade de "seguir mellorando día a día o comportamento ambiental das plantas de Ence, por respecto á contorna" e ás comunidades".

"No caso de Pontevedra, mencionara a necesidade de seguir mellorando o comportamento oloroso da biofábrica. Neste sentido, engadía, os equipos que máis percorrido de mellora teñen son a caldeira de recuperación e caustificacion".

"Estes equipos", engade, son "absolutamente seguros e, proba diso, é que a compañía goza do recoñecemento High Risk Protected pola máis prestixiosa compañía de seguros norteamericana, especialista en celulosa".

A empresa defende que os investimentos executados nesta instalación desde o ano 2016, de 132 millóns de euros, "garanten a seguridade absoluta" da planta.

"Só a doce anos vista, de aquí a 2033, e no caso de que non se puidesen realizar os investimentos necesarios por non contarse coa necesaria seguridade xurídica para iso, a empresa veríase obrigada a pechar a planta xa que, en todo momento, debe operar con total seguridade".

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta