Temas: IGUALDADE VERIN 8M

Accións de rúa en Verín para lembrar que o movemento feminista segue moi vivo malia a Covid

Co gallo do 8 de marzo, 'Día Internacional da Muller', realizaranse diferentes actividades impulsadas polas entidades sociais: FEMURO, CDR Portas Abertas, Asociación Feminista Nosas e Marcha Mundial das Mulleres, en colaboración co concello e coa Asociación de Empresarias/os de Verín.

Por X.M. Fernández | Verín | 06/03/2021 | Actualizada ás 10:00

Comparte esta noticia

Estas accións programadas terán lugar nas rúas de Verín e o seu obxectivo é amosar e lembrar que o movemento feminista continúa moi vivo a pesar da situación social e sanitaria actual.

Un dos paneis que locen para o 8M. Foto: Prensa Concello de Verín
Un dos paneis que locen para o 8M. Foto: Prensa Concello de Verín

Terán lugar o propio día 8 de marzo para "poñer en valor o espírito comunitario que se respirou na última gran manifestación do ano 2020", comentan dende o Concello de Verín. A acción máis visible será unha unha escolma de fotografías ubicadas nos lugares que acolleron a manifestación, principalmente a Praza García Barbón, onde terán lugar outras iniciativas co mesmo obxectivo.

Ademais, aproveitando as redes sociais, invítase á poboación en xeral a que colgue nos seus balcóns prendas violetas ou carteis reivindicativos, como se ten feito noutras ocasións. A Asociación de Empresarias/os de Verín tamén se une á iniciativa decorando os escaparates con motivos feministas. O Concello de Verín colabora nesta ocasión a través de paneis colocados nas rúas principais nos que se poderán ler mensaxes feministas.

LEMBRANDO O 2020

Un ano atrás, a manifestación organizada por Galegas 8M en Verín atraeu a 6000 persoas baixo o lema “Sen coidados non hai vida”, lema que continúa vixente este ano.  Aquela manifestación supuxo un impulso ao movemento feminista en Verín que agrupa a diversas entidades que traballan en rede e actúa no ámbito educativo, social, laboral, asociativo e do activismo.

Temas: IGUALDADE VERIN 8M
Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta