As áreas da Coruña e Pontevedra volven abrir tras o seu peche perimetral

A medida entrará en vigor ás 00,00 horas do luns. Quedan en nivel máximo de restricións os concellos da Mezquita, Boborás e A Pobra do Brollón, que se suman ao de Soutomaior, e limitados outros 13.

Por Europa Press / Redacción | Santiago de Compostela | 05/03/2021 | Actualizada ás 17:01

Comparte esta noticia

O subcomité clínico de expertos reunido este venres decidiu abrir o peche perimetral das áreas sanitarias da Coruña e Pontevedra, as dúas que permanecían pechadas en Galicia, co que os seus concellos quedan limitados en mobilidade unicamente en función da súa incidencia. A medida entrará en vigor ás 00,00 horas do luns.

Varios axentes da Policía Local realizando un control de mobilidade na saída de Santiago de Compostela
Varios axentes da Policía Local realizando un control de mobilidade na saída de Santiago de Compostela | Fonte: Álvaro Ballesteros - Europa Press.

Así o explicou o conselleiro de Sanidade, Julio García Comesaña, quen destacou que a incidencia continúa á baixa en Galicia e informou das normas de mobilidade que rexerán desde o luns.

En concreto, ademais de eliminar o perímetro destas dúas áreas, o comité subiu a nivel máximo os municipios da Mezquita, Boborás e A Pobra do Brollón, que se suman ao de Soutomaior. Neste catro concellos, a hostalaría deberá permanecer pechada ao público e só poderá haber reunións de convivientes. Ademais, estarán pechados perimetralmente de maneira individual.

A maiores, quedan en nivel alto os municipios de Miño, Arteixo, Ponteceso e Sobrado dos Monxes, na área da Coruña; Cariño e Mugardos, na de Ferrol; Guitiriz, Lourenzá e Paradela, na de Lugo; Cambados, Ponte Caldelas e Vilanova, na de Pontevedra; e Mos, na de Vigo. Nestes, a hostalaría só poderá operar en terraza, ao 50%, e a mobilidade está permitida unicamente entre eles, independentemente da área sanitaria na que se atopen.

No resto de concellos, que inclúe, entre outros, a totalidade das áreas de Santiago e Ourense, a mobilidade está permitida entre os distintos municipios e a hostalaría poderá abrir ao 30% en interiores e ao 50% en exterior. Tanto no nivel medio como no alto, permítense reunións de non convivientes ata catro persoas e os hostaleiros teñen que pechar ás 18,00 horas.

A TAXA, EN DESCENSO

Segundo explicou a directora xeral de Saúde Pública, Carmen Durán, os índices en Galicia continúan este venres en descenso, cun numero reprodutivo por baixo de 0,8 e cun aumento nos municipios sen casos tanto no últimos sete días como a 14.

A incidencia acumulada no conxunto de Galicia está nos 44 casos por 100.000 habitantes a sete días e en 114 por 100.000 habitantes a 14, unha "melloría" que "se materializa en todas as áreas sanitarias".

Entre outras cousas, Carmen Durán destacou que ningunha área sanitaria supera os 250 casos por 100.000 habitantes a 14 días nin os 100 a sete días. De entre as grandes cidades, os mellores resultados son os de Santiago, que ten este venres 22 casos por 100.000 habitantes a sete días e 68 casos a 14.

Así mesmo, a directora xeral tamén mencionou os casos de Pontevedra e da Coruña e a súa comarca. No caso da coidade herculina, a incidencia pasou de 119 casos por 100.000 habitantes a 95 a sete días e de 293 a 229. A mellora acentúase se se ten en conta toda a comarca, que pasou de 262 casos por 100.000 habitantes a 14 días a semana pasada a 195.

Pontevedra, pola súa banda, consolida o descenso, con 31 casos por 100.000 habitantes a sete días, fronte aos 88,9 de hai unha semana. A 14 días, pasou de 174 a 120.

SITUACIÓN ASISTENCIAL

Tamén na situación asistencial hai unha "melloría reseñable", segundo contou o xerente do Sergas, José Flores.

En particular, referiuse á ocupación de camas covid, que é de 311 en hospitalización convencional, lonxe das 1.210 do pico. Tamén a ocupación en UCI baixou desde as 254 que chegaron a rexistrarse a 89.

Isto trouxo unha mellora nos plans de continxencia das áreas. Tanto A Coruña como Santiago, Lugo, Ourense e Vigo están en fase 1 tanto en hospitalización como en UCI, mentres que Ferrol está en fase 1 en hospitalización e en fase 2 en UCI. Pontevedra ten fase 2 tanto para hospitalización convencional como para críticos.

Esta mellora permitiu ir recuperando a actividade cirúrxica que tivera que ser reprogramada. Segundo contou José Flores, entre esta semana e a próxima Galicia recuperará "o 100 por cen da actividade en condicións normais".

SEN SIGNOS DE ALARMA

Pasada unha semana da entrada en vigor das medidas de incremento de mobilidade, o conselleiro de Sanidade explicou que non se está vendo "un incremento" da incidencia de forma xeral, salvo "algunhas excepcións".

"Non é algo que nos faga saltar as alarmas", dixo García Comesaña, que vinculou o incremento de casos nalgunha área a cribados ou algúnha "pequena repunta".

No entanto, o conselleiro de Sanidade asegurou que Galicia está "aínda nunha situación crítica", sobre todo atendendo á presenza de novas variantes do virus e pediu que a poboación siga cumprindo escrupulosamente as normas.

En particular, referiuse ao cumprimento da capacidade máxima en hostalaría e a respectar a ocupación do 50 por cento en terrazas, dado que mesmo ao aire libre persiste o perigo. A maiores, animou ás persoas a "pospor as cousas que se poidan facer máis adiante", para "non ter que volver atrás".

Nesta mesma liña, o doutor Pedro Rascado, membro do comité, lembrou que "a diminución de restricións trae como consecuencia un incremento de mobilidade e máis risco de contaxios", polo que pediu que non se baixe a garda.

A maiores, incidiu na situación que viven aínda as UCI e advertiu de que é necesario "que os hospitais estean nunha situación máis relaxada ante un posible incremento de incidencia".

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta