Piden 15 anos para un acusado de violación de morada, agresión sexual e coaccións

Por E.P. | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 07/03/2021 | Actualizada ás 15:54

Comparte esta noticia

A sección primeira da Audiencia Provincial da Coruña celebrará desde o luns, e ata o xoves, día 11, o xuízo, con Tribunal de Xurado, contra un home acusado de violación de morada, agresión sexual e coaccións, segundo informa o Tribunal Superior de Xustiza de Galicia (TSXG).

O Ministerio Público solicita 15 anos e seis meses de prisión para o home que, presuntamente, accedeu, en abril de 2018, á vivenda na que residía a súa exmuller sen o seu consentimento para despois agredila sexualmente. Tamén está acusado de coaccionala, noutra ocasión, para retomar a relación.

Sobre os feitos, o escrito de cualificación do Ministerio Público explica que acusado e vítima estiveron casados durante uns 20 anos, dando por finalizada a relación en 2004, cando a muller o denunciou por delito de lesións e malos tratos polos que foi condenado.

Máis tarde, a parella retomou a relación ata 2015, momento no que volveron separarse e iniciaron os trámites de divorcio. Xa en abril de 2018, segundo Fiscalía, o home acudiu ao domicilio onde a vítima vivía, no partido xudicial de Ferrol, accedendo ao interior tras abrirlle a porta un dos seus fillos. Unha vez dentro, sostén que forzou a súa exmuller a manter relacións.

Con posterioridade, envioulle mensaxes con expresións "con intención de humillala, de atemorizala". Engade tamén que na madrugada do 16 de decembro de 2018 acudiu de novo á casa, accedendo ao interior por unha xanela e esperando a que a súa exparella chegase. Cando ela o fixo, dirixiulle "multitude de expresións ofensivas e intimidantes".

O fiscal sinala que o acusado, diagnosticado de etilismo crónico, tiña afectadas parcialmente as súas capacidades volitivas ese día, mentres que da vítima asegura que presenta "estado de ánimo depresivo, ansiedade e medo, o que lle provoca unha gran inseguridade".

Audiencia Provincial da Coruña.
Audiencia Provincial da Coruña.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta