Acusan á Xunta de "favoritismo" nas axudas ao viño: "están pensadas para as grandes empresas"

O 6% das empresas beneficiadas recibiron o 41% das axudas, segundo datos do SLG.

Por Galicia Confidencial | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 10/03/2021 | Actualizada ás 09:00

Comparte esta noticia

As axudas ao viño, en disputa. Coa polémica da caza do lobo aínda pendente no aire, o foco público volve caer sobre o mundo rural a raíz dunha cuestión ben distinta: os apoios económicos da Xunta para o sector vinícola. A Consellería do Medio Rural vén de publicar a listaxe de beneficiarios das subvencións convocadas no pasado ano 2020, un anuncio que non tardou en colleitar o rexeitamento de plataforma como o Sindicato Labrego Galego

Feijóo en San Cateano o pasado mes de febriro
Feijóo en San Cateano o pasado mes de febriro | Fonte: DAVID CABEZÓN @ XUNTA DE GALICIA

Para a histórica formación, a publicación dos beneficiarios das axudas da Xunta suma argumentos ás súas denuncias contra as “regras tramposas da Consellaría de Medio Rural para conceder subvencións no sector vitivinícola e as consecuencias que están a ter”. E é que, segundo o SLG, as axudas da Xunta están pensadas para que “só grandes adegas e grupos empresariais sexan quen de cumprir todos os requisitos”, de xeito que quedan fóra do reparto “a maioría dos viticultores e viticultoras ademais das pequenas adegas”.

Este reparto desigual quedaría patente no reparto feito público. Segundo datos do SLG, a Xunta dispuxo case tres millóns de euros para o paquete de axudas de 2020, pero estes cartos non chegaron a todos os solicitantes con relativa igualdade. Dos 166 beneficiarios das axudas, 10 conseguiron quedar co 41% dos cartos, explico o SLG, que afina máis a conta: “só os cinco primeiros acapararon máis do 27% do orzamento”.

"OLIGOPOLIO"

Os supostos “favoritismos” da Consellería de Medio Rural levaría a que os fondos quedaran concentrados na cooperativa Martín Códax e a DO Rías Baixas, que segundo o sindicato “volveron ser o burato negro que zuga a maior parte das subvencións vitivinícolas galegas”. As consecuencias para o sector do viño, explica, non tardarán en aparecer: “Isto está a favorecer a concentración cada vez maior da produción de viño e de viñedos en menos mans”, explican. “De seguirmos así, nun sector vitícola moi envellecido, a previsión é que a totalidade da produción de viño, dende o acio á botella, fique concentrada nun oligopolio” engaden.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta