Feijóo acusa o BNG de "patimonializar" os actos do 8M e Pontón recórdalle as alianzas do PP coa ultradereita

O presidente galego pide un pacto pola igualdade e a líder nacionalista alerta da "involución" nesta materia.

Por Europa Press / Redacción | Compostela | 09/03/2021 | Actualizada ás 12:27

Comparte esta noticia

O Día Internacional da Muller e as protestas deste 8 de marzo deixouse sentir na Cámara, onde a líder do BNG, Ana Pontón, e o presidente galego, Alberto Núñez Feijóo, contrapuxeron datos e posturas en relación á igualdade, e ás súas respectivas posturas políticas sobre as manifestacións feministas que percorreron as rúas da Comunidade.

Manifestación feminista do 8M 2021
Manifestación feminista do 8M 2021

Así, Pontón arrincou a súa intervención cunha mensaxe de agradecemento ao feminismo galego pola mensaxe de "reivindicación e responsabilidade" que, baixo o seu punto de vista, lanzaron na pasada xornada nas rúas. Ao tempo, alertou da "involución" na igualdade, por exemplo, no ámbito laboral, e puxo as súas propostas sobre a mesa, empezando por un plan de emprego feminino.

E a continuación criticou aos populares e ao Goberno de Feijóo. "Non imos esquecer que a súa gran contribución foi usar a figura de Emilio Pardo Bazán para blanquear o franquismo", advertiu Pontón, quen tamén acusou aos populares de "cuestionar" o dereito das mulleres a manifestarse e de "pactar coa ultradereita", en alusión a Vox, que "chama feminazis" ás mulleres "que defenden o dereito a ser iguais".

Feijóo, quen arrincou a súa réplica, cunhas palabras de recordo ás vítimas mortais da violencia machista en Galicia, lamentou o ton de Pontón, acusou o BNG de "patrimonializar" a igualdade e reivindicou a "contribución" do PPdeG "en 30 anos". Ademais, tachou de "indecencia" afirmar que o seu Goberno "estaba en contra de que, cumprindo os criterios sanitarios, se concentrasen, manifestasen ou fixesen actos institucionais".

"Unha indecencia impropia dunha muller que vén aquí dicindo que representa ás mulleres", apostilou, á vez que instou ao Bloque a "deixar de confrontar, buscar solucións e acordos en materia de igualdade".

PROPOSTAS DO BNG

Feijóo tamén defendeu "avances" en Galicia en cuestións como a taxa de paro feminino e reivindicou a redución da "precariedade" e a "contratación temporal" no colectivo das mulleres, mentres que Pontón rexeitou estes datos e vinculou a baixada do indicador de desemprego con que moitas mulleres "se foron a casa" e deixaron de formar parte da poboación activa.

De feito, a dirixente nacionalista propuxo un plan de emprego para combater o efecto da pandemia que "enviou a 15.600 mulleres para casa". "Hai que cortar de raíz a involución que supón perder a independencia económica ligada ao desenvolvemento profesional", argumentou.

E nesta conxuntura, tamén desagregou o resto das súas propostas: un plan de igualdade da Xunta, unha rede pública de cuiados que permita "conciliar" e non contratar empresas condenadas por discriminación.

Finalmente, a dirixente nacionalista reprochou o discurso "triunfalista" de Feijóo por negar "a deterioración laboral" das mulleres e insistiu en censurar os pactos do PP cunha forza que fai "apoloxía do machismo", en referencia a Vox.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta
Comentarios 1 comentario

1 Mais uma.

A imaxe escolhida para "ilustrar" a nova nom tem nada a ver nem com o artigo nem representa o conjunto da mani. 🤦🏻