Feijóo pide adiar a xuntanza cos líderes da oposición mentres urxe unha Conferencia de Presidentes

O presidente galego destaca que xa se presentou " a Ministerios" o 40% dos proxectos autonómicos para os fondos 'Next Generation'

Por Europa Press / Redacción | Santiago de Compostela | 09/03/2021 | Actualizada ás 13:44

Comparte esta noticia

O presidente da Xunta, Alberno Núñez Feijóo, avanzou este martes que o seu Executivo solicitará ao Goberno que dirixe o socialista Pedro Sánchez a celebración dunha Conferencia de Presidentes para abordar o novo escenario que xurdirá cando se levante o estado de alarma --a prórroga autorizada no seu día comprendía do 9 de novembro ata o 9 de maio--.

"Dentro dunhas semanas finalizará o estado de alarma e parécenos razoable pedir unha reunión da Conferencia de Presidentes para concretar como imos facer despois do estado de alarma e sen vacinas suficientes para a inmunidade grupal", afirmou, durante o debate na sesión de control co líder do PSdeG, Gonzalo Caballero.

O mandatario autonómico defendeu a necesidade de manter un encontro entre o Executivo central e as comunidades, e aproveitou a súa intervención para pedir o apoio de todos os grupos da Cámara. "Parece razoable que nos apoiemos nas cousas importantes", sentenciou. Unha proposta que fai o día no que rexeitou manter unha reunión cos líderes da oposición en Galicia.

Así o trasladou nunha sesión de control que se anticipou un día porque Feijóo viaxará a Madrid para reunirse este martes pola tarde coa ministra de Traballo, Yolanda Díaz, e este mércores co titular da carteira estatal de Transportes, José Luís Ábalos.

De feito, tras afearlle Caballero que "non contestou" á súa pregunta sobre a posibilidade de que a Xunta achegase recursos das arcas autonómicas para poder facer un acordo amplo de rebaixa de peaxes na AP-9 --como tampouco o fixo, lamentou, sobre a vacina da conselleira delegada de DomusVi--, Feijóo respondeulle que esta cuestión a abordará con Ábalos.

Feijóo conversa con Alfonso Rueda no Parlamento.. ANA VARELA/XUNTA / Europa Press
Feijóo conversa con Alfonso Rueda no Parlamento.. ANA VARELA/XUNTA / Europa Press

O presidente da Xunta defendeu pospor a reunión cos líderes de BNG, Ana Pontón, e PSdeG, Gonzalo Caballero, ata que avance e se peche a comisión de reactivación económica e social de Galicia posta en marcha no Parlamento galego, co fin de non alterar un "formato" xa acordado nin "faltar ao respecto aos 49 comparecentes" que pasaron pola mesma.

Así o trasladou o presidente galego, en resposta a Gonzalo Caballero, quen volveu urxir este encontro nun contexto de "grave" crise derivada da pandemia e reiterou que el estará "no lugar e hora" que diga o presidente galego, así como co formato que elixa --a líder do BNG, que nesta xornada non se pronunciou respecto diso, demandou unha reunión bilateral con Feijóo--.

"Isto non é unha película do Oeste", respondeu o presidente galego, antes de reafirmarse en que "o razoable" sería reunirse cando a comisión de reactivación perfile as súas conclusións. Ademais, tras lembrar que recibiu unha carta de Pontón e varios "comentarios mediáticos" de Caballero para reunirse, instou non só en esperar a pechar a comisión, senón que insistiu en que PSdeG e BNG "se poñan de acordo sobre o formato" do encontro.

40% DE PROXECTOS PRESENTADOS

No seu debate con Caballero, quen denunciou falta de concreción sobre os plans da Xunta para os fondos europeos 'Next Generation' na comisión de reactivación que traballa na Cámara e tachou o centenar de proxectos anunciados polo Executivo autonómico de "fake news", Feijóo replicou que o 40% destes proxectos xa foron "presentados a Ministerios". "E vostede nin o sabe", lamentou.

Caballero insistiu en que "ninguén coñece" estas iniciativas e, tras insistir en que o presidente debe recibir aos líderes da oposición, suxeriu que o PPdeG pretende converter "nun paripé" a comisión de reactivación que funciona na Cámara.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta