Resistencia aos antibióticos, a pandemia silenciosa e descoñecida

Un estudo feito en Galicia evidencia que a poboación segue descoñecendo este problema global, considerado unha das maiores ameazas para a saúde mundial. Cada ano morren no mundo unhas 700.000 persoas pola resistencia aos antibióticos. En 2050, o número de mortos anuais pola perda de eficacia destes medicamentos podería ascender a 10 millóns. As autoridades sanitarias alertan de que o abuso na administración destas substancias durante a crise da covid-19 agravará o problema.

Por Alberto Quian | Madrid | 10/03/2021 | Actualizada ás 22:00

Comparte esta noticia

A resistencia aos antibióticos é unha das maiores ameazas para a saúde mundial, a seguridade alimentaria e o desenvolvemento. Organismos supranacionais como a Organización Mundial da Saúde (OMS) ou a Unión Europea (UE), xunto coa comunidade científica internacional, están tentando atallar o problema global do abuso e mal uso dos antibióticos entre a poboación e no ámbito veterinario. Un problema do que non escapa Galicia, onde “a administración de antibióticos sen receita médica segue sendo unha práctica común nas farmacias”, como xa alertaron investigadores da Universidade de Santiago de Compostela (USC) e do Consorcio de Investigación Biomédica en Red de Epidemiología y Salud Pública (CIBERESP).

Campaña do Ministerio de Sanidade para un uso racional dos antibióticos.
Campaña do Ministerio de Sanidade para un uso racional dos antibióticos.

Naquel estudo, publicado en 2017, consultouse a farmacéuticos de Galicia sobre a práctica de dispensar antibióticos sen receita médica, o cal se atribuíu a varias causas: a aquiescencia (en esencia, ceder ante a presión dun paciente que quere un antibiótico), a indiferenza e a falta de educación continua. Mentres que o problema da resistencia a estes medicamentos se atribuíu á responsabilidade externa de médicos, dentistas e dos propios pacientes, e ao sistema de saúde e, concretamente, ao acceso máis doado aos farmacéuticos que aos médicos e a un maior número de prescricións receitadas no seguro privado fronte ao sistema público, até dez veces máis.

Agora, un novo estudo asinado por algúns deses investigadores en colaboración con outros colegas da USC afonda nos factores que poden influír no uso incorrecto dos antibióticos entre a poboación galega e avalía o coñecemento dos cidadáns sobre este problema. E avisan: “A xente descoñece o importante papel que desempeña no avance da resistencia antimicrobiana”.

A falta de coñecemento sobre os antibióticos, problemas na relación médico-paciente e de adhesión ao tratamento, e o uso sen receita son os principais problemas detectados

Os expertos da USC recordan que “a poboación xoga un papel fundamental no mal uso dos antibióticos”, polo que consideran necesario explorar os factores que poden influír na utilización indebida destes medicamentos. Para iso, organizaron once grupos focais con 75 participantes en función da idade dos suxeitos (maiores e menores de 65 anos), lugar de orixe e nivel educativo e profesional, para coñecer as súas opinións e actitudes sobre o uso de antibióticos e a resistencia antimicrobiana.

Os principais factores identificados como posibles determinantes do uso indebido de antibióticos foron a falta de coñecemento sobre os antibióticos, problemas na relación médico-paciente, problemas de adhesión e uso sen receita médica.

Pero tamén se identificaron outros factores, aínda que non foron citados expresamente polos entrevistados, como a falta de percepción do problema e a atribución externa de responsabilidade.

“A resistencia aos antibióticos é un fenómeno descoñecido pola poboación e percíbese como un problema individual, confundíndose o termo «resistencia» con «tolerancia»”, explican os investigadores en base ás entrevistas realizadas.

Así, conclúen que “o público descoñece o importante papel que desempeña no avance da resistencia antimicrobiana”.

FALTA DE COÑECEMENTO

A falta de información e, polo tanto, de coñecemento, parece ser un dos principais problemas, principalmente nos maiores de 65 anos. En todos os grupos de maiores, polo menos un participante en cada un deles non foi capaz de diferenciar entre antibióticos e outros tipos de medicamentos, pedindo aclaracións ou utilizando erroneamente os termos.

E aínda que os menores de 65 anos mostraron que tiñan clara a diferenza entre os antibióticos e outros medicamentos, cando menos un participante en cada grupo ignoraba o feito de que os antibióticos son ineficaces en infeccións virais.

Así, os investigadores identificaron a falta de coñecemento sobre que son os antibióticos como un dos factores claves do seu mal uso. Entre as respostas recibidas, destacan a dun suxeito maior de 65 anos que comentou: “A xente non se dá conta de que os antibióticos non combaten os virus e a maioría das infeccións son virais, pero toman antibióticos porque non saben como usalos”.

Moitos non saben diferenciar entre antibióticos e outros tipos de medicamentos e úsanos para baixar a febre ou para curar arrefriados

Segundo os expertos, “esta falta de coñecemento significa que os antibióticos son erroneamente considerados medicamentos de acción máis rápida e eficaces”. Así, por exemplo, destacan comentarios dos entrevistados como estas: “Non me deas ningún remedio antigo, dáme un que me cure, dáme un antibiótico” (suxeito maior de 65 anos); “Cando teño un arrefriado, por suposto, quero tomar un antibiótico; síntome moi mal e quero un antibiótico, obviamente porque creo que así me vou librar del máis rápido” (suxeito do grupo de 51-65 anos).

Hai quen mesmo cre, segundo o observado neses grupos focais, que a febre se baixa con antibióticos, cando os antibióticos só están indicados para tratar infeccións producidas por bacterias e non son útiles para tratar cadros febrís causados por infeccións víricas.

Só dous dos once grupos sinalaron os médicos como responsables de tomar a decisión de prescribir antibióticos, unha vez realizada a revisión e exame necesarios. Entre outros comentarios dos participantes no estudo, destacan: “Creo que é necesario un control severo dos antibióticos. Os médicos son os que sempre teñen que tomar a decisión (tomar ou non antibióticos)”] (suxeito maior de 65 anos).

Porén, noutros grupos afirmaron a validez do autodiagnóstico nalgúns casos, pensando que calquera pode saber se precisa un antibiótico sen exame médico. Por exemplo: “Aquí, con todo o arrefriado que temos, podes contraer unha infección por ouriños. Unha simple infección de ouriña e non tes máis remedio que tomar un antibiótico” (suxeito maior de 65 anos).

PROBLEMAS DE RELACIÓN MÉDICO-PACIENTE

Os entrevistados sinalaron o que consideran como mala relación médico-paciente, como un factor clave no seu descoñecemento sobre o uso dos antibióticos, especialmente no grupo de idade menor de 65 anos. Un comentario: “Creo que os médicos necesitan aprender a falar cos pacientes. A forma en que falan e manexan aos pacientes, iso é o que ten que mellorar”.

Algúns pacientes “queixáronse da falta de información e das explicacións dadas polos médicos” sobre os antibióticos

Así, os participantes, segundo os investigadores, “queixáronse da falta de información e das explicacións dadas polos médicos”. Exemplifican este problema con este comentario dun dos participantes no estudo: “Os médicos adoitan ser bastante evasivos e dinche moi pouco” (suxeito do grupo de 51-65 anos).

Eses atrancos na relación médico-paciente, comentan, “pode afectar a confianza e, polo tanto, levar a un debilitamento do xuízo médico”. “Isto asociouse á presión que os pacientes exercen sobre os médicos para prescribir antibióticos”, engaden. Así, por exemplo, un suxeito do grupo de entrevistados de 51-65 anos expresou: “A xente pide medicamentos porque o médico de cabeceira é o tipo de médico que xa o escoitou todo, polo que o paciente quere asegurarse de que vai mellorar, xa que cre que só cos antibióticos poderá mellorar, porque non entende, xa que non lle din o que ten”.

Esa “falta de credibilidade no profesional da saúde”, apuntan, “tradúcese nunha busca de alternativas, como acudir a urxencias ou buscar unha segunda opinión dun médico privado”. Así, por exemplo, un dos entrevistados do grupo de 18-34 anos di: “Se o médico de cabeceira non che dá (antibióticos), pois vas a urxencias: se estás convencido de que realmente os necesitas, creo que os conseguirás ao final”. Mentres, outro do grupo de 51-65 anos, expón: “Hai xente que vai ao médico de cabeceira pola mañá e se este non lles dá ningún antibióticos, pois vai a urxencias para que lle dean algún. Ou van a un médico privado que tamén llos dará”.

PROBLEMAS DE ADHERENCIA Á MEDICACIÓN

En todos os grupos menos nun, os participantes recoñeceron problemas de adhesión á medicación e, polo tanto, un mal uso dos antibióticos. As principais razóns para abandonar o tratamento foron a mellora despois das primeiras doses e o medo aos efectos secundarios. Un entrevistado do grupo de 18-34 anos explica: “O 90% das veces que tomei antibióticos na miña para unha infección, acabei enfermando doutra cousa... ou do estómago ou do que fose”. Pero tamén se identificaron outras razóns, como descoidos e abandono premeditado do tratamento para poder consumir alcol, ou a perda de credibilidade e confianza no médico, para deixar o tratamento prescrito.

A pesar de que os investigadores identificaron problemas de adhesión en todos os grupos, subliñan que “as dúbidas sobre a pauta de tratamento prescrita polo médico non se citaron como motivo de uso indebido”. E dous grupos sinalaron a farmacia como o lugar onde se resolven as dúbidas.

USO DE ANTIBIÓTICOS SEN RECEITA MÉDICA

Os participantes recoñeceron o uso de antibióticos sen receita médica, xa sexa adquiridos en farmacias de confianza ou usando antibióticos sobrantes receitados anteriormente pola “crenza da xente na súa capacidade de recoñecer situacións nas que se requiren antibióticos”, destacan os autores do estudo, que poñen este exemplo dun participante do grupo de 18-34 anos: “Coido que se automedican porque tiveron, ou cren que tiveron, a mesma enfermidade e aínda lles quedan algúns medicamentos da última vez”.

O autodiagnóstico e a relación de confianza con farmacéuticos leva a moitos a adquirir sen receita antibióticos para automedicarse

Oito dos once grupos admitiron ter medicamentos sobrantes gardados na casa e que recorreron a eles cando pensaron que era necesario. E tamén en oito grupos recoñeceron que ás veces pensan en ir a unha farmacia de confianza para obter antibióticos. Por exemplo, un entrevistado do grupo de 51-65 anos afirma: “Vou á farmacia e dígolle, que me vas dar? En caso de infeccións urinarias, sempre me deron antibióticos na farmacia, sempre que sexa de confianza, e para ser honesto, non mos terían dado se non me coñecesen”.

Ningún grupo informou de dificultade de acceso ao sistema sanitario. Non obstante, en seis grupos (catro dos cales eran de máis de 65 anos), os entrevistados dixeron que evitaban acudir ao médico e que só acudían como “último recurso”.

O PROBLEMA DA RESISTENCIA AOS ANTIBIÓTICOS

Aínda que a resistencia antimicrobiana foi declarada pola OMS como un problema global, os galegos semella que pensan que é un problema de consumo individual e que non saben distinguir entre resistencia e tolerancia aos antibióticos, segundo os autores deste estudo.

Si observan que a resistencia aos antibióticos preocupa ao público, pero os cidadáns parece que non asocian o avance deste problema ao mal uso deste tipo de medicamentos, senón á agricultura e gandería intensivas. Un entrevistado do grupo de 18-34 anos comenta: “Todas as galiñas da cría intensiva, por exemplo, teñen antibióticos, e o gando tenos na carne e no leite”.

Dos 75 participantes no estudo, tan só catro declararon entender a magnitude do problema da resistencia aos antibióticos; eran especialistas

Dos 75 participantes no estudo, tan só catro declararon entender a magnitude do problema da resistencia aos antibióticos. Esas catro persoas eran dous biólogos, unha enfermeira e un farmacéutico. E identificaron a “falta de información” como o principal problema. Porén, nos grupos que mostraron unha peor comprensión do problema, os individuos, paradoxalmente, sentían que si tiñan o suficiente coñecemento. Isto é o que na ciencia cognitiva os anglosaxóns chaman “illusion of understanding”, é dicir, crer que un coñece e entende perfectamente algo que en realidade descoñece, neste caso, a magnitude, as causas e as consecuencias da resistencia aos antibióticos.

Os participantes no estudo, en xeral, recoñeceron que a información sobre a resistencia aos antibióticos non lles chegaba de profesionais da saúde, senón dos medios de comunicación de masas. E cúlpase os médicos, a industria farmacéutica e os alimentos do avance da resistencia. Non obstante, a educación pública, a través por exemplo de campañas, e o labor de sensibilización do sector sanitario considéranse esenciais para informar e crear conciencia no público.

CONSELLOS

Os autores deste estudo recordan que España e Galicia presentan niveis moi elevados de uso de antibióticos, entre os máis altos en Europa.

O Servizo Galego de Saúde, que vén facendo un seguimento da evolución da prescrición e consumo de antibióticos na poboación, identificou como principais problemas a adquisición de antibióticos sen receita médica, que non sempre se rematan os tratamentos e, moi especialmente, que se almacenan antibióticos remanentes que despois se volven consumir.

Na mesma liña, a OMS proporciona unha serie de consellos xenéricos para promover o uso axeitado dos antibióticos e mesmo reducilo: prescribir antibióticos só cando son verdadeiramente necesarios, tomalos só se son receitados por un médico, sempre completar o tratamento prescrito, aínda que xa se atope ben, nunca almacenalos para posteriores usos e, por último, tomar todas as medidas hixiénicas posibles para previr infeccións.

A PANDEMIA DE COVID-19 AGRAVA O PROBLEMA

A OMS advertiu que o incremento do uso dos tratamentos antibióticos no contexto da pandemia de covid-19 impulsará o desenvolvemento de bacterias resistentes a futuros tratamentos e, con iso, o número de mortes provocadas por este problema.

Os informes de todos os países que reportan datos sobre resistencia a través da plataforma GLASS (Global Antimicrobial Resistance and Use Surveillance System) revelan o aumento das infeccións provocadas por bacterias resistentes aos antibióticos.

As autoridades sanitarias advirten de que cada ano morren no mundo unhas 700.000 persoas pola resistencia aos antibióticos. De continuar coa tendencia actual, en 2050 o número de mortos anuais relacionados con superbacterias multirresistentes podería ascender a 10 millóns, converténdose na principal causa de mortalidade no mundo, superando o cancro.

A OMS recorda que a covid-19 é unha enfermidade vírica e só unha pequena porcentaxe destes pacientes necesita antibióticos para tratar infeccións bacterianas secundarias

A OMS sinala a probabilidade de que este incremento se amplíe como consecuencia do uso excesivo dos antibióticos nos pacientes con covid-19 e confirma na súa guía para o manexo clínico desta enfermidade vírica que só unha pequena porcentaxe destes pacientes necesita antibióticos para tratar infeccións bacterianas secundarias.

Tamén o Ministerio de Sanidade español, a través do Plan Nacional fronte á Resistencia aos Antibióticos (PRAN), publicou unha serie de recomendacións dirixidas a profesionais sanitarios para mellorar a prescrición e o uso destes medicamentos durante a pandemia, que “constitúe un reto sen precedentes en todos os aspectos da atención sanitaria, tamén no uso efectivo dos antibióticos e o manexo de infeccións bacterianas”, alerta.

“A prescrición excesiva ou inadecuada de tratamentos antibióticos no contexto da pandemia podería facilitar o desenvolvemento de bacterias resistentes e reducir a eficacia de futuros tratamentos, polo que debe extremarse a prudencia na utilización deste tipo de medicamentos”, advirte Sanidade, que lembra que “aínda que a covid-19 é unha infección  vírica e, por tanto, non se trata nin se prevén con antibióticos, hai pacientes diagnosticados nos que existe confirmación ou elevada sospeita de  coinfección ou  sobreinfección bacteriana”, polo que “é inevitable considerar a prescrición de tratamento antibiótico” meses casos.

GALICIA BUSCA A PRIMEIRA VACINA CONTRA UNHA SUPERBACTERIA MORTAL

Investigadores galegos e portugueses probaron a inmunoxenicidade (capacidade para reaccionar fronte a un antíxeno) e a eficacia protectora dunha vacina viva experimental contra a pneumonía por Pseudomonas aeruginosa, unha bacteria oportunista (aprovéitase dun sistema inmune debilitado) que representa unha das principais causas de pneumonía nosocomial, a segunda infección de orixe hospitalaria, asociada a unha alta mortalidade. Trátase dunha superbacteria, é dicir, cepas que desenvolveron tal capacidade de resistencia aos antibióticos, que estes lles resultan inocuos.

De momento, o prototipo da vacina só se aplicou en ratos, pero os resultados son prometedores para posibles ensaios en humanos nun futuro.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta