Unidade entre PP, BNG e PSdeG para que se recorra a sentenza do Pazo de Meirás

Con todo, cruzaron reproches sobre o proceso de recuperación.

Por Europa Press / Redacción | Santiago de Compostela | 10/03/2021 | Actualizada ás 15:42

Comparte esta noticia

Os tres grupos con presenza na Cámara galega --PP, BNG e PSdeG-- apoiaron que o Estado e a Xunta de Galicia interpoñan recursos contra a sentenza da Audiencia Provincial da Coruña sobre o proceso de recuperación do Pazo de Meirás que, entre outras cuestións, obriga a compensar economicamente aos herdeiros do ditador Francisco Franco polos gastos derivados do uso desde o ano 1975 do complexo situado en Sada.

O pazo de Meirás o día da súa devolución ao Estado
O pazo de Meirás o día da súa devolución ao Estado | Fonte: M.Dylan - Europa Press.

O debate en pleno do Parlamento galego da iniciativa, que, a pesar da coincidencia no voto derivou nun cruzamento de reproches e acusacións entre os grupos políticos, produciuse o día despois de que a Avogacía do Estado anunciase que recorrerá o fallo da audiencia.

O cambio de postura do Executivo, que, do mesmo xeito que o Goberno galego, avanzara a súa intención de non presentar recurso baseándose en cuestións xurídicas, tivo eco no hemiciclo durante o debate acumulado de senllas proposicións non de lei presentadas por BNG e PSdeG que se sumaron nun único texto apoiado tamén polo grupo maioritario, o PPdeG.

En concreto, a resolución aprobada pola Cámara insta a Estado e Xunta a presentar recurso á afirmación dos maxistrados na sentenza onde recoñecen aos herdeiros do ditador que non actuaron de mala fe, así como aos "restantes pronunciamentos" da parte dispositiva da sentenza.

Así mesmo, o texto, que fai referencia ao acordo parlamentario do 11 de xullo de 2018 para favorecer o proceso de recuperación do Pazo de Meirás, tamén apela a evitar pola vía xudicial que o paso a patrimonio público do complexo "non supoña un novo custo para o pobo galego" e, por tanto, os herdeiros do "espolio" non obteñan beneficios económicos.

REPROCHES CRUZADOS

Neste sentido, e a pesar do acordo final, o debate da iniciativa estivo marcado polas cruces de reproches entre cada un dos grupos políticos. Así, o PP afeou ao BNG "criminalizar" a xustiza polas súas críticas á sentenza e ao PSdeG, que estea supeditado ao que marque a dirección estatal do seu partido; mentres que os nacionalistas criticaron o "menosprezo" dos socialistas ao activismo pola devolución do pazo e aos populares por "blanquear" o franquismo.

Pola súa banda, os socialistas, que da man do seu deputado Pablo Arangüena se erixiron como "líderes" do proceso de recuperación do complexo de Sada, cren que o Bloque pretende "vender un relato falsificado" sobre o cambio de postura do Estado respecto ao recurso e ao PP de "diluír" a realidade de Meirás como "símbolo" da memoria histórica introducindo a figura da escritora Emilia Pardo Bazán entre os usos a dar para o complexo.

Neste sentido, Arangüena atribuíu a postura inicial do Estado de non presentar alegacións á sentenza á análise das "posibilidades xurídicas" dun "recurso extremadamente difícil".

Por iso, acusou o BNG de tratar de "vender un relato falsificado" despois de que o deputado nacionalista Luís Bará asegurase, na apertura do debate, que a "rectificación" do Executivo central se debeu á "presión" popular ante unha sentenza "reaccionaria" e con "cheiro franquista".

"Non é certo que lle dobrasen o brazo", replicou Arangüena desde o estrado do hemiciclo, para a continuación reivindicar que o PSOE foi, no ano 1978, "o primeiro partido" en pedir a recuperación do Pazo de Meirás, afirmación que foi respondida por Bará, que tachou de "mentira" estas palabras, para logo acusar os socialistas de "perpetuar" durante os seus anos no Goberno que o complexo seguise en mans do Franco.

A INDEMNIZACIÓN

O feito de que a sentenza da Audiencia Provincial da Coruña recoñeza aos Franco o dereito a ser indemnizados polos usos de Meirás e que, ademais, o faga ao entender que non actuaron de mala fe, tamén centrou boa parte do debate entre os grupos.

O deputado do PP Alberto Pazos Couñago, que apelou a "non espertar altas expectativas nin alimentar frustracións" desde os discursos políticos, puxo o foco en que "o prezo que haxa que pagar" aos Franco por "liquidar" Meirás é "o prezo que se paga por vivir nun Estado de dereito" no que existe a obriga de tratar desde a xustiza a todos os cidadáns por igual.

"E iso é a grandeza da democracia", apuntou antes de subliñar que, en todo caso, a liquidación dun estado posesorio "en ningún caso" pode implicar "enriquecemento" pois debe limitarse aos gastos contraídos polo uso deses bens e que estes "deben xustificarse".

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta