Todos os grupos parlamentarios apoian que a Xunta reclame as competencias do dominio público marítimo terrestre

Unha transacción do BNG aceptada polo PP engade pedir que solicite as competencias en ordenación pesqueira e investigación oceanográfica.

Por E.P. | Santiago de Compostela | 10/03/2021 | Actualizada ás 16:16

Comparte esta noticia

PP, PSdeG e BNG, os tres grupos con presenza no Pazo do Hórreo, apoiaron a intención da Xunta de solicitar formalmente ao Estado a transferencia das competencias de xestión do dominio público marítimo terrestre. Así figura nunha iniciativa parlamentaria presentada polo PPdeG no pleno deste mércores na Cámara galega e que saíu adiante co apoio de todos os grupos.

Costa da Morte
Costa da Morte | Fonte: freepiks.

O texto orixinal da proposición non de lei foi finalmente modificado para engadir, a proposta do Bloque, que a Administración galega solicite tamén o traspaso das competencias de ordenación do sector pesqueiro e de investigación oceanográfica.

A proposición non de lei presentada polo Grupo Popular fai eco da intención da Xunta, avanzada hai semanas, de solicitar ao Estado a transferencia da xestión do domiino público marítimo tarrestre, que comprende 2.000 quilómetros de costa na que se asintan "máis de 5.000 edificacións" que van desde centros eduactivos a empresas, depuradoras ou centros de saúde.

Diso deu conta a deputada do PPdeG Marisol Díaz, quen defendeu que a Xunta é a administración que "mellor" coñece a realidade deste ámbito de xestión, polo que a asunción das competencias "facilitaría un desenvolvemento urbanístico uniforme" e profundaría unha "simplificación" administrativa.

Ademais, puxo o acento en que a demanda se produce nun momento no que existe o proxecto de lei de Cambio Climático do Ministerio de Transición Ecolóxica podería "afectar" a unha "parte importante" do litoral galego e "pór en risco máis dun cento de empresas".

Este feito, a coincidencia da reclamación da Xunta cos cambios lexislativos que expón o Goberno central foi sinalado polo deputado do BNG Luís Bará, quen na súa intervención sinalou que a iniciativa traída a pleno polos populares "ten catro letras: Ence".

"Queren perpetuar unha fábrica contaminante que vostedes mesmos dixeron que non podía estar alí", resaltou o parlamentario nacionalista, que aproveitou para afear a ausencia de transferencias de competencias a Galicia desde a chegada de Alberto Núñez Feijóo a San Caetano, mesmo durante os anos que coincidiron gobernos do PP en Santiago e Madrid.

Pola súa banda, o socialista Pablo Arangüena, quen tamén ve "intereses espurios" nesta iniciativa, sinalou na súa intervención que "ten lóxica" que "por razóns funcionais" sexa a Xunta quen desempeñe estas competencias, aínda que discrepou na afirmación de que sexa a Administración galega quen "mellor coñece" a realidade do dominio público marítimo terrestre, 'honra' que, ao seu xuízo, recae na Delegación de Costas do Estado.

A continuación , o deputado do PSdeG aproveitou para criticar que o PP aplique a máxima de que "se algo vai mal" en Galicia é "competencia" do Estado ou das deputacións "agás Ourense", e que "o que vai ben é da Xunta".

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta
Comentarios 1 comentario

1 Gamela

O que non sabemos é quen vai resultar beneficiado desta transferencia de Costas ? https://www.google.com/maps/d/viewe... Porque temos moitas anomalías pendendes de regularizar ademáis de ENCE ! https://www.google.com/maps/d/viewe... Dos proxectos que están detrás desta unanimidade ninguén fala ! https://www.google.com/maps/d/viewe... Os pelotazos urbanísticos tamén poden ser regularizados pola Xunta de Galicia ! https://www.google.com/maps/d/viewe...