A Xunta atende as protestas e anula o proceso de licitación do transporte escolar

Educación suspende o proceso tras analizar as queixas e erros detectados por diversos colectivos, como adiantou Xornal de Lemos.

Por Europa Press / Redacción | Santiago de Compostela | 10/03/2021 | Actualizada ás 17:25

Comparte esta noticia

A Consellería de Cultura, Educación e Universidade anulou finalmente a contratación e licitación do servizo de transporte escolar, un contrato que ascende a máis de 81 millóns de euros e un proceso que se atopaba paralizado desde o mes de xaneiro debido ás queixas e alegacións tras presentadas por diversos colectivos ante o modelo proposto pola administración.

Imaxe de 'Caurel Vivo'. CAUREL VIVO
Imaxe de 'Caurel Vivo'. CAUREL VIVO | Fonte: Europa Press

O proceso, que implicaba a contratación do servizo ata concluír o curso 2022-2023 e abarcaba as rutas de 424 centros mediante uns 57 lotes, estivo envolto na polémica debido á campaña de protestas impulsada pola comunidade de Folgoso do Courel en contra do deseño exposto pola Consellería.

O servizo na zona prestábase con taxistas da propia localidade e o proceso de renovación impulsado pola administración, tal e como estaba exposto, impedía a estes condutores manterse á fronte nos termos propostos, segundo denunciaron as familias do concello.

Do mesmo xeito, os veciños criticaban que este novo modelo obrigaría os fillos a realizar desprazamentos máis longos e establecía o uso dun tipo de vehículo inadecuado para as aldeas e as vías da zona.

Tras as protestas e alegacións presentabas tanto polo municipio do Courel como outros colectivos, a Xunta suspendeu o 11 de xaneiro o prazo de presentación de ofertas para a licitación das rutas de transporte escolar, co obxectivo de analizar pormenorizadamente as alegacións presentadas, posto que os argumentos e erros esgrimidos terían transcendencia e afectarían tanto o proceso de adxudicación como á execución do contrato.

O resultado non se coñecería ata este venres 5 de marzo, cando a Consellería ditou unha resolución para suspender o proceso debido ao alcance dos erros detectados nos pregos, como ausencias de paradas necesarias ou vehículos non axustados ás estradas, entre outras cuestións.

O texto da resolución recoñece que a análise técnica das rutas e da configuración dos lotes confirmou erros "non subsanables", que obrigan a levar unha modificación dos pregos do concurso que afectan as condicións do mesmo e a reiniciar todo o proceso.

En concreto, apunta a "necesaria reformulación dos pregos" en cláusulas administrativas e de prescrición técnicas, posto que os actuais xeraron "unha confusión considerable e determinante" a efectos da posterior execución do contrato.

"UN PASO MÁIS"

Fontes de Educación aseguraron que esta paralización non afectará á prestación do servizo neste curso, que "funciona con normalidade", e que a decisión se trata dun "paso administrativo máis" tras o acordo alcanzado no mes de xaneiro para introducir as melloras necesarias nos pregos.

A noticia da suspensión transcendeu este luns a través de 'Xornal de Lemos', e foi avanzada o pasado venres pola formación 'Caurel Vivo' nas redes sociais para sinalar que a Xunta desistía da "licitación chafalleira" do servizo de transporte escolar.

Respecto diso, trasladaron o seu agradecemento á "constante presión da ANPA" e dos veciños da zona que acudiron tanto a defensores como á Comisión de Peticións Europea, e confiaron en que a nova licitación "sexa consensuada en cada zona" para responder as particularidades das rutas.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta