O Goberno contra as "mentiras" de Ence: "a Lei de Cambio Climático non afecta en absoluto á fábrica”

O voceiro municipal do PSOE en Pontevedra asegura que “o encontro con Morán serviu para deixar moi claro que Ence pretende construír un relato de confrontación interesado en torno a unha gran mentira”.

Por Galicia Confidencial | Pontevedra | 11/03/2021 | Actualizada ás 08:35

Comparte esta noticia

"Antes ou despois de Semana Santa, o texto da Lei de Cambio Climático irá a Comisión e non existe a intención de modificar o artigo 18 da mesma”. Esta decisión firme do Goberno de España foi transmitida polo secretario de Estado de Medio Ambiente, Hugo Morán, nunha reunión telemática que mantivo co tenente de alcalde e voceiro do Grupo Municipal do PSOE, Tino Fernández; os concelleiros socialistas Yoya Blanco e Marcos Rey; o parlamentario autonómico Pablo Arangüena; o deputado Guillermo Meijón, e a secretaria xeral da Agrupación Socialista de Pontevedra, Maica Larriba.

Planta de Ence en Pontevedra
Planta de Ence en Pontevedra | Fonte: Europa Press.

Morán, que ten previsto manter mañá sendas reunións con membros do comité de empresa e da Asociación pola Defensa da Ría (APDR) reiteroulles aos socialistas de Pontevedra o mesmo que lle repetiu ao presidente de Ence, Ignacio de Colmenares, “esas sete veces que di que nos sentamos: que o artigo 18 non afecta en absoluto a Ence no período de concesión do que dispoñen”. O secretario de Estado asegurou que a prioridade e maior preocupación do Goberno é o mantemento dos postos de traballo e, neste sentido, subliñou que “existe unha concesión que está viva, vixente e que lle outorga a Ence unha marxe de 12 anos para adoptar decisións”. 

A Lei de Patrimonio outórgalle un máximo de 75 anos, é dicir ata o 2033, xa que as concesións computan dende o minuto un. Non hai ningunha razón obxectiva para pensar que a Lei de Cambio Climático impoña unhas restricións maiores que a lexislación autonómica, que por certo establece un máximo de 50 anos. Así que, para tranquilidade dos traballadores, a empresa ten de horizonte ata 2033: 12 anos para establecer un calendario de acción que permita manter os postos de traballo”.

Hugo Morán tamén expresou a súa preocupación ante as declaracións nas que o presidente da compañía advertía aos seus traballadores da posibilidade dun risco maiúsculo medioambiental e para a saúde das persoas. Na súa opinión, “o que Colmenares dixo o outro día non pode pasar desapercibido, xa que, se é así, a factoría non debería seguir funcionando aí”. Neste sentido, lamentou que a Xunta, “que é a administración á que lle corresponden as competencias medioambientais”, se teña “colocado de perfil”, cando os seus servizos de vixilancia ambiental deberían “actuar de oficio e abrir un expediente”. “O lóxico é pensar que nalgún momento, a Fiscalía vaillo requirir”, avanzou o secretario de Estado de Medio Ambiente.

Para o voceiro do Grupo Municipal do PSOE, o encontro mantido con Hugo Morán “serviu para deixar aínda máis claro que Ence pretende construír un relato de confrontación interesado en torno a esa gran mentira do artigo 18, xa que é evidentisimo que a Lei de Cambio Climático non lles afecta para nada ao seu actual período de concesión”. Tino Fernández lamentou que a empresa estea “a eludir descaradamente a súa responsabilidade fronte aos traballadores afectados” e acusou aos ‘populares’ Alfonso Rueda e Rafa Domínguez de “facer de Macario e Rockefeller do descurso empresarial”.

“Os mantras que lles escoitamos á Xunta e ao PP veñen redactados dende os despachos de Ence. Os seus dirixentes están a actuar como se foran delegados de empresa, coa vista máis posta nas portas xiratorias que na defensa dos postos de traballo”, aseverou o tenente de alcalde de Pontevedra.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta