Por Galicia Confidencial | Compostela | 11/03/2021 | Actualizada ás 15:16
O presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo, suxeriu este xoves que Galicia podería aliviar algunhas restricións en Semana Santa e mesmo non pechou a posibilidade de atrasar o toque de queda das 22.00 actuais ás 23.00, que é o límite marcado polo decreto do Goberno central.
En todo caso, apelou á prudencia e chamou, con Galicia en desescalada e ás portas de San Xosé e Semana Santa, a "manter as cautelas". Así, subliñou que, "salvo na área da Coruña", a incidencia "é tan baixa" que "só se pode empeorar". "O obxectivo é manter estes niveis", dixo Feijóo, quen tamén apelou a acudir aos cribados, dado que o test son fundamentais para anticiparse e frear os contaxios.
Sobre a posibilidade de que Galicia alivie aínda máis as restricións que aínda se manteñen á hostalaría --o horario de peche é ás 18.00 horas-- ou se amplíe o toque de queda, o presidente galego dixo que iso se avaliará no Comité Clínico que el presidirá o vindeiro martes. Con todo, destacou que cos datos epidemiolóxicos actuais "poderíanse ampliar determinados aforos".
O feito de que sexa el quen presida esa xuntanza e a posterior rolda de prensa apunta a posibilidade de anuncios nesa dirección. De feito, non pechou a porta a eliminar determinadas restricións. Con todo, tamén deixou claro que o Consello Interterritorial deste xoves tamén aprobou a posibilidade de ampliar as restricións no caso de ser necesarias. "O que se decretaron foron restricións mínimas. Se hai unha circunstancia mala pois tamén se pode pechar a hostalaría", advertiu.
MADRID
En canto á insistencia da Comunidade de Madrid en manter a mobilidade e o seu rexeitamento ao peche perimetral, Feijóo defendeu que a autonomía madrileña defende "os seus intereses" igual que o resto de comunidades fan o propio, e volveu a insistir en que a súa situación é "moi distinta" á doutros territorios como o galego.
Como argumentos, apuntou que a súa situación epidemiolóxica é "distinta" xa que os madrileños "sufriron tanto" na primeira onda que "a súa inmunidade" só polas persoas que padeceron a covid-19 está en torno ao 18%. Tamén advertiu da densidade de poboación en Madrid, o que xustificaría que as autoridades autonómicas prefiran que os seus veciños poidan ampliar a mobilidade e non permanecer concentrados.
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.