Ledicia Costas, Arantza Portabales e Pedro Feijóo, entre os finalistas do Premio Novela Europea Casino de Santiago

O premio conta co apoio do Concello de Santiago e da Consellería de Cultura, Educación e Universidade da Xunta de Galicia.

Por E.P. | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 11/03/2021 | Actualizada ás 17:49

Comparte esta noticia

O Premio Novela Europea Casino de Santiago desvelou este xoves os finalistas na súa modalidade de obra traducida a outra lingua europea, entre os que se atopan autores como Ledicia Costas, Arantza Portabales e Pedro Feijóo.

En concreto, esta categoría está dividida en dúas seccións: por unha banda, aquelas obras finalistas en lingua galega e por outro as novelas publicadas noutros idiomas oficiais do Estado, como o castelán, catalán ou eúscaro.

A primeira das seccións conta coas obras 'Deixe a súa mensaxe despois do sinal', de Arantza Portabales e publicado pola Editorial Galaxia; 'Infamia', de Ledicia Costas e 'Un Lume Azul', de Pedro Feijóo, ambas  publicadas por Xerais.

Doutra banda, a segunda parte da categoría presenta aos finalistas 'Canto Jo I A Mutaya Balla', de Irene Solá e publicado na editorial Anagrama; 'Fractura', de Andrés Neuman, de Alfaguara; e 'Los Pacientes del Doctor García', asinada por Almudena Grandes para a editorial Tusquets.

O premio conta co apoio do Concello de Santiago e da Consellería de Cultura, Educación e Universidade da Xunta de Galicia. Ubaldo Rueda, un dos seus impulsores, destacou que o certame nace para recuperar "o espírito europeísta" da UE e unha das súas antigas prioridades: potenciar o uso de todos os idiomas do territorio en igualdade de condicións.

APOSTA POLA TRADUCIÓN

Neste sentido, Rueda engadiu que a organización apostou por apoiar a tradución como "vehículo de transmisión" da cultura e da diversidade lingüística. Finalmente, agradeceu o apoio tanto da edil de Santiago Mercedes Rosón así como do conselleiro Román Rodríguez e do secretario xeral de Política Lingüística, Valentín García.

Precisamente, García trasladou o seu recoñecemento a esta nova proposta do Casino de Santiago como unha vía para colocar a lingua e a cultura galega ao mesmo nivel que as súas irmás europeas.
 

Premio Novela Europea Casino de Santiago. CASINO DE SANTIAGO
Premio Novela Europea Casino de Santiago. CASINO DE SANTIAGO | Fonte: Europa Press

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta