SOS Sanidade Pública chama a mobilizarse o 21 de marzo

Cargan contra a "utilización política e partidista" da crise sanitaria por parte do presidente da Xunta.

Por Europa Press / Redacción | Santiago de Compostela | 11/03/2021 | Actualizada ás 18:28

Comparte esta noticia

SOS Sanidade Pública chamou a mobilizarse a través de concentracións e manifestacións o próximo 21 de marzo para protestar pola "deterioración" da sanidade causada, segundo incide a plataforma, polas políticas da Xunta e a crise sanitaria do covid-19.

Manifestante cun cartel que di 'Verín non se pecha!' na concentración en defensa da sanidade pública galega convocada por SOS Sanidade Pública, en Santiago de Compostela (Galicia) a 9 de febreiro de 2020.. Álvaro Ballesteros - Europa Press - Arquivo
Manifestante cun cartel que di 'Verín non se pecha!' na concentración en defensa da sanidade pública galega convocada por SOS Sanidade Pública, en Santiago de Compostela (Galicia) a 9 de febreiro de 2020.. Álvaro Ballesteros - Europa Press - Arquivo

O chamamento a mobilizacións foi acordado na última asemblea do colectivo, que, ademais disto, decidiu non participar en ningunha reunión máis do Consello Técnico de Atención Primaria de Galicia ata que se estableza un calendario para a posta en marcha das medidas orientadas a implantar o novo modelo neste nivel asistencial.

Cargan contra a "utilización política e partidista" da crise sanitaria por parte do presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo, a quen afean que "protagonice toda a información e decisións sobre a pandemia nos medios de comunicación, emulando a Fernando Simón".

Para SOS Sanidade Pública, o presidente galego usa no seu beneficio a mellora nos datos epidemiolóxicos que, segundo remarcan, é froito do traballo do persoal da sanidade pública, que teñen como "recoñecemento" ao seu labor "a continuidade nos recortes dos seus dereitos laborais e retributivos".

Así as cousas, reivindican que a atención primaria, que "chegou á pandemia deteriorada polos gobernos do PP", debería ser "fundamental" no seguimento de pacientes covid, pero que dita "falta de recursos" que denuncian motivou que "deixase" de realizar o control perceptivo ás persoas con enfermidades crónicas e sexa "incapaz" de responder as necesidades da poboación en xeral.

Por iso, advirten do "gran malestar e frustración" que, din, está a causar a suspensión de consultas, probas diagnósticas e intervencións polas "barreiras de acceso" aos centros de saúde, o que está "a afectar gravamente" á saúde da poboación "aumentando as patoloxías e os problemas de saúde non relacionadas coa covid".

Así as cousas, as mobilizacións e concentracións, que se convocarán a nivel local, demandarán "reabrir e reactivar" os centros de saúde, que "se renove" a actividade en servizos hospitalarios a través dun plan para facer fronte ás listas de espera acumuladas, pór fin á "precaridade" laboral no Sergas e expresar o rexeitamento á nova Lei galega de Saúde "por innecesaria e recortar dereitos e liberdades civís".

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta