Gonzalo Caballero dá negativo en covid-19 tras o acto coa alcaldesa de Lugo

"Seguindo os protocolos do ministerio e do Sergas non me corresponde facer ningunha corentena e debo manter a miña actividade diaria", di o líder do PSdeG.

Por Europa Press / Redacción | Santiago de Compostela | 11/03/2021 | Actualizada ás 18:45

Comparte esta noticia

O líder do PSdeG, Gonzalo Caballero, informou de que deu negativo nunha PCR á que se someteu por "prudencia" despois de que transcendese que a alcaldesa de Lugo, Lara Méndez, deu positivo na covid-19, rexedora coa que participou nun acto o pasado sábado.

Mensaxe publicada polo secretario xeral do PSdeG, Gonzalo Caballero, no seu perfil de Twitter
Mensaxe publicada polo secretario xeral do PSdeG, Gonzalo Caballero, no seu perfil de Twitter | Fonte: Europa Press

Así o sinala nunha mensaxe publicada a través do seu perfil da rede social Twitter, no que explica que "por prudencia" decidiu someterse a esta proba e parar a súa actividade na xornada deste xoves a pesar de que, segundo "os protocolos do ministerio e do Sergas", non lle correspondía "facer ningunha corentena" e debía "manter a súa actividade diaria".

"Seguindo os protocolos do ministerio e do Sergas non me corresponde facer ningunha corentena e debo manter a miña actividade diaria. Así mo dixeron onte e esta mañá no teléfono covid. Pero por prudencia hoxe parei a miña actividade e fixen PCR que deu negativa. Resolto", sinala.

Precisamente, na mañá deste xoves, o socialista comunicou que anulaba os actos nos que tiña previsto participar tras asistir o pasado sábado a un con Lara Méndez, quen o mércores iniciou un período de corentena tras dar positivo na covid-19.

Conforme indicaron fontes socialistas, debido a que os rastreadores de covid-19 non se puxeron en contacto co secretario xeral, dedúcese que non foi un contacto estreito coa rexedora lucense, coa que coincidiu no evento de igualdade organizado o sábado polo PSdeG, ao que tamén acudiron varios dirixentes socialistas.

Neste sentido, fontes consultadas indicaron que tanto este mércores como este xoves pola mañá, o secretario xeral púxose en contacto co Sergas e "confirmáronlle que non lle corresponde facer corentena".

A pesar diso, atendendo a un criterio "de máxima prudencia de ter toda a seguridade de que non había que facer esa corentena, porque estaba recentemente notificado o positivo" de Lara Méndez, Caballero decidiu suspender os actos que tiña agendados para este xoves.

En concreto, o líder socialista tiña previsto intervir na apertura do congreso de UGT na comarca de Vigo e visitar unha empresa no Parque Tecnolóxico de Galicia, en San Cibrao das Viñas (Ourense).

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta