Formación universitaria para maiores de 50 anos en Verín

Trátase do IV Ciclo do Programa Universitario de Maiores da Universidade de Santiago de Compostela, que leva por título "Camiños de coñecemento e experiencia. Proxecto de democratización do Coñecemento".

Por X.M. Fernández | Verín | 12/03/2021 | Actualizada ás 09:30

Comparte esta noticia

O Concello de Verín acollerá este ciclo formativo para persoas maiores de 50 anos os vindeiros días 25, 26 de 27 de marzo grazas a un acordo de colaboración coa USC, Universidade de Santiago de Compostela.

Presentación do ciclo na Casa da Cultura de Verín. Foto: Prensa do concello.
Presentación do ciclo na Casa da Cultura de Verín. Foto: Prensa do concello.

O programa inclúe seminarios sobre temáticas diversas, e sesións prácticas, que serán impartidas por docentes da USC. Entre as materias que se abordarán neste ciclo figuran o Dereito e a Criminoloxía a Educación ou Historia e o Patrimonio. As clases impartiranse no Salón de Actos da Casa da Cultura de Verín (Rúa Irmáns la Salle).

Na presentación, o tenente de alcalde, Diego Lourenzo Moura, lembrou que para a celebración deste evento elaborouse un estrito plan para garantir a protección das persoas participantes de potenciais contaxios de Covid-19 e destacou a importancia que teñen este tipo de iniciativas para achegar os coñecemento académicos máis actualizados ao ámbito local. "Desde o Concello de Verín entendemos que democratizar o coñecemento, e facer que todas as persoas interesadas polo saber poidan acceder ao mesmo sen restricións, é esencial para a creación de conciencia democrática e ademais tamén para o exercicio dos dereitos das persoas e dos pobos".

Tamén estaba no acto Alexandre Sotelino Losada, doutor en Ciencias da Educación, profesor do Dpto de Pedagoxía e Didáctica da USC e membro do equipo organizador das xornadas. Tras indicar que o obxectivo do ciclo é achegar coñecemento fóra da universidade ás persoas interesadas en adquirilo, explicou que "todas as universidades teñen tres funcións: a primeira e investigar, a segunda a docente e a terceira é a transferencia. De nada nos sirve investigar se ese coñecemento non vai en prol da sociededade".

A inscrición no ciclo é de balde e as interesadas e interesados poden anotarse vía telefónica ou de forma presencial segundo indica o Concello de Verín na súa web. O programa está tamén detallado na mesma páxina.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta