O alcalde de Pontevedra afirma que tivo "medo" na "ocupación" de traballadores "enviados por Ence e o PP"

Varias persoas entraron na terceira planta do Concello, onde están as dependencias da Alcaldía. A empresa nega "tallantemente" as acusacións.

Por Europa Press / Redacción | Pontevedra | 11/03/2021 | Actualizada ás 20:31

Comparte esta noticia

O rexedor municipal de Pontevedra, Miguel Anxo Fernández Lores, afirmou que tivo "medo" pola súa "integridade física" durante a "ocupación" da terceira planta do Concello --onde se atopan as dependencias da Alcaldía e do equipo de Goberno-- por parte dunha decena de traballadores de Ence. Denuncia que eran "persoas enviadas pola empresa e o PP".

O alcalde de Pontevedra, Miguel Anxo Fernández Lores, nunha entrevista para Europa Press
O alcalde de Pontevedra, Miguel Anxo Fernández Lores, nunha entrevista para Europa Press | Fonte: Europa Press.

Nunha comparecencia na que estivo acompañado pola portavoz municipal, Anabel Gulías, e o tenente alcalde, Agustín Fernández, o rexedor local asegurou que o obxectivo dos participantes na protesta era "agredir verbal e mesmo fisicamente" a quen estaban nas instalacións municipais.

Así, agradeceu a intervención da Policía Local, debido a que o incidente limitouse a "agresións externas" ao vehículo do propio alcalde á súa saída do Consistorio.

De feito, acusou o portavoz municipal do PP, Rafael Domínguez, de permanecer "un bo intre" no recibidor da Alcaldía "arengando ás persoas que a ocuparon con intención de agredir verbal e fisicamente os responsables do equipo de Goberno" e a el mesmo, insistiu.

"Pontevedra é unha cidade tranquila, dinámica e un referente internacional desde o punto de vista do medio ambiente", explicou Fernández Lores, "pero desgraciadamente con dous defectos importantes". Por unha banda, citou a presenza de Ence na ría que, "durante máis de 60 anos desde a súa implantación, utilizou a violencia, a chantaxe e todo tipo de extorsións e coaccións"; doutra banda, referiuse ao presidente de Ence, Ignacio de Colmenares, e ao PP, a quen culpa de utilizar "ameazas e violencia" contra o Concello.

Miguel Anxo Fernández Lores advertiu de que "están profundamente equivocados". Argumenta que a súa actitude "fai reforzar" a posición municipal para "seguir loitando por conseguir unha Pontevedra cada vez máis referente internacional e recuperar a ría, que é o que demanda unha gran maioría de pontevedreses".

Por último, o alcalde mostrouse "seguro" de que se Colmenares e o PP "dan as ordes pertinentes", o que cualificou como "espectáculos bochornosos que non se corresponden con esta cidade", acabarían "inmediatamente".

PSOE DI QUE É "INADMISIBLE"

Pola súa banda, o portavoz socialista Agustín Fernández, sinalou que o sucedido no Concello é "inadmisible nun país democrático", pois reproba que se "tente secuestrar un equipo de Goberno".

Ademais, destacou que estas "ameazas, coaccións e chantaxes non son froito da improvisación, senón unha manobra consentida pola empresa, cando non alentada".

Agustín Fernández tamén reprochou ao sindicato Comisións Obreiras --cuxo secretario comarcal, José Luís García Pedrosa, foi un dos participantes no peche-- que se converteu "en amarelo e perigoso para os dereitos e as reivindicacións dos traballadores", polo que o goberno local está "preocupado", precisou o portavoz socialista.

"Temos unha postura e non van conseguir nada con estas actuacións", avisou Fernández sobre a súa vontade de "non ceder a ningunha chantaxe". Pola contra, instou a actuar "dialogando e por canles democráticas", porque "sentándose e atacando o alcalde non van conseguir nada".

O tenente alcalde de Pontevedra confiou en "que haxa boas novas" tras o encontro telemático do comité de empresa de Ence co secretario de Estado de Medio Ambiente, Hugo Morán.

POSTURA DA EMPRESA

Pola súa banda, a empresa Ence negou "tallantemente" as acusacións de Miguel Anxo Fernández Lores e manifestou a súa "disposición ao diálogo co Concello".

A compañía reiterou o seu "ofrecemento" para que o alcalde ou os responsables municipais "visiten e coñezan a realidade da planta" en Pontevedra.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta
Comentarios 13 comentarios

9 Amancio

Que estraño eh, esquerdistas que non gostan da clase obreira.

8 S.A.

Pobre Lores, a él que tanto se lle enche a boca defendendo a clase obreira e agora tenlle medo ós obreiros de ENCE. Eses que tamen pagan impostos para que os políticos e funcionarios como él cobren o seu salario. Volve a realidade do concello que goberna señor Lores, os políticos e funcionarios nos xerades os vosos salarios, necesitades da clase obreira que vostede se quere cargar, en contra das súas promesas

7 Oficinas Centrais de ENCE

Concordo co sr. Lores "Pontevedra é unha cidade tranquila, dinámica e un referente internacional desde o punto de vista do medio ambiente", deixenos traballar en PAZ.

6 Oficinas Centrais de ENCE

ConCOrdO Contigo de CabO a rabO

5 Oficinas Centrais de ENCE

O de que foran a por vós é un tanto exaxerado, os traballadores de ENCE non manchan as mans con tampouca cousa e o de intento de secuestro é unha imaxinación vosa que vos vai querer cerca e por riba ter que darvos de comer. Non vos creades tanta cousa o egocentrismo excesivo faivos vivir situacións de paranoia extrema.

1 Xaxe

Esaxerado é o teu eXaXerado con dous x, coidarse!