O Congreso busca acelerar as transferencias pendentes a Galicia, coa única oposición da ultradereita

Aprobadas dúas iniciativas pactadas por PSOE, Unidas Podemos e BNG para convocar a Comisión Mixta entre os gobernos central e galego.

Por Europa Press / Redacción | Madrid | 11/03/2021 | Actualizada ás 20:35

Comparte esta noticia

O Congreso aprobou este xoves, co único voto en contra de Vox, dúas iniciativas pactadas por PSOE, Unidas Podemos e BNG que instaban a convocar a Comisión Mixta entre os gobernos central e galego para acelerar o traspaso de competencias pendentes e analizar asuntos da chamada axenda galega.

O presidente da Xunta de Galicia, Alberto Núñez Feijóo (d), e o ministro de Transportes, Mobilidade e Axenda Urbana, José Luís Ábalos
O presidente da Xunta de Galicia, Alberto Núñez Feijóo (d), e o ministro de Transportes, Mobilidade e Axenda Urbana, José Luís Ábalos | Fonte: J. Hellín. POOL - Europa Press.

Trátase de emendas do PSOE a senllas proposicións non de lei do BNG e de Galicia en Común que foron aprobadas na Comisión de Política Territorial e Función Pública do Congreso co apoio do PP, o rexeitamento de Vox e a abstención de Cidadáns.

O portavoz de Galicia en Común, Antón Gómez-Reino, manifestou a necesidade de que a Cámara Baixa poña en marcha "canto antes" o diálogo entre ambas as administracións para poder facer efectivas estas transferencias despois de que, segundo asegurou, pasasen máis de dez anos sen que o Goberno transferise competencias a Galicia.

Ademais da AP-9, Gómez-Reino mencionou outras competencias como salvamento marítimo ou tráfico e insistiu en que "o mínimo que se pode pedir a un Goberno é que exerza as súas competencias" e que "precisamente" hai que reclamalo cando son cuestións que teñen un "amplísimo consenso en Galicia".

Nesta mesma liña, o deputado do BNG Néstor Rego reprochou que as últimas transferencias que se fixeron efectivas foron negociadas polo Bloque e que, por tanto, trátase dun "balance desolador" o feito de que un Goberno "renuncia ás capacidades que ten para decidir sobre os seus propios asuntos".

Tras a emenda do PSOE, a iniciativa de Gómez-Reino insta o Goberno a "proceder, de común acordo coa Xunta de Galicia e de conformidade coas previsións legais existentes, á activación da Comisión Mixta Bilateral".

De igual modo, a proposta do BNG, tras aceptar a emenda do PSOE, chama a "manter" os contactos e negociacións coa Xunta de Galicia para a convocatoria da comisión mixta que impulse as transferencias, empezando polas que existan acordos parlamentarios.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta