A Cidade da Cultura segue parindo edificios 300 millóns e 22 anos despois

O presidente da Xunta anuncia un novo complexo, o Centro de Ciberseguridade de Galicia, nun pequeno espazo no que ía estar o Teatro da Ópera.

Por Galicia Confidencial | Compostela | 11/03/2021 | Actualizada ás 22:00

Comparte esta noticia

Peter Eisenman hai tempo que xa se desentendeu do que ía ser unha das súas principais obras de arquitectura en todo o mundo. A Cidade da Cultura, presentada en 1999, con Manuel Fraga na plenitude da súa terceira maioría absoluta, anunciabase como a mellor obra xamais deseñada en territorio galego. E, efectivamente, a mastodontica obra deu moito que falar desde entón. Tanto que pasou á historia como un dos maiores malgastos de cartos públicos da Xunta

Espazo que deixou o que ía ser o antigo Teatro da Ópera na Cidade da Cultura. O edificio en obras será o Edificio Fontán. Á dereita do auditorio está un espazo cimentado que será onde estará o futuro Centro de Ciberseguridade de Galicia
Espazo que deixou o que ía ser o antigo Teatro da Ópera na Cidade da Cultura. O edificio en obras será o Edificio Fontán. Á dereita do auditorio está un espazo cimentado que será onde estará o futuro Centro de Ciberseguridade de Galicia | Fonte: Construtora San José

O complexo, que inicialmente ía custar 100 millóns de euros, acabou en máis de 300 e cun deseño orixinal do que se tiveron que suprimir dous grandes edificios, precisamente, porque suporían moitos máis millóns en custes nun momento de grave crise económica. Así que do Teatro da Ópera e do Centro de Arte Internacional quedaron só dous grandes furados e esqueletes de formigón.

O QUE FOI DO TEATRO DA ÓPERA E DO CENTRO DE ARTE

Para os furados buscouse unha vía moi sinxela. Un converteuse nun lago --onde ía estar o Centro de Arte-- e o outro --o que ía ser o Teatro da Ópera-- pasou a ser un espazo axardinado cun pequeno auditorio. Para o gran esquelete de formigón, a Xunta buscou un novo edificio administrativo. Trátase do Edificio Fontán, que acollerá o Instituto de Ciencias do Patrimonio (Incipit), organismo dependente do Consello Superior de Investigacións Científicas (CSIC).

O Incipit ocupará 2.271 metros cadrados, o que representa aproximadamente unha quinta parte da superficie útil do edificio. Ademais, acollerá tres entes vinculados co Sistema Universitario de Galicia (SUG). O investimento previsto para todo o complexo do Edficio Fontán era de 17 millóns e tería que estar rematado este 2021. 

NOVO ANUNCIO

O outro esquelete é un gran armazón de formigón, "a cimentación", como lle chamou este xoves Alberto Núñez Feijóo. Esa "cimentación" ocupa 1.500 metros cadrados e está nun dos laterais do que ía ser o Teatro da Ópera e fronte ao Edificio Fontán e ao carón da Biblioteca. E, para ocupar este espazo, a Amtega apostou por colocar nel o Centro de Ciberseguridade de Galicia.  Para iso, destinará outros 3,2 millóns de euros . "Trátase de recuperar as cimentacións do que quedou do Teatro da Ópera e pensamos que é un lugar axeitado para ubicar este centro", dixo Feijóo na rolda de prensa posterior ao Consello da Xunta.

 

Este futuro centro de ciberseguridade actuará en coordinación co INCIBE, o Instituto Nacional de Ciberseguridad de España, e co Centro Criptolóxico, dependente do CNI, e dará servizo á Xunta, concellos e empresas. "O seu obxectivo é dar resposta a delitos de ciberseguridade e tamén a actividades de asesoramento". apuntou Feijóo.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta