A Xunta ofrécese a pagar as PCR dos congresos que se celebren en Galicia para fomentar o turismo

A administración autonómica tamén poderá subvencionar as máscaras e demais elementos hixiénicos destas xornadas. O orzamento total ascende a máis de 600.000€.

Por Europa Press / Redacción | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 12/03/2021 | Actualizada ás 12:17

Comparte esta noticia

A Axencia de Turismo publica este venres, 11 de marzo, no Diario Oficial de Galicia unha modificación das bases das axudas a congresos, seminarios, convencións, incentivos ou reunións na que se inclúen como gastos subvencionables aqueles derivados das medidas hixiénicas de prevención da covid-19 ou probas analíticas.

Con iso, incorpóranse ao resto de gastos subvencionables xa incluídos na orde do mes de febreiro aqueles motivados pola adecuación das medidas hixiénico-sanitarias á normativa vixente no momento de celebración do evento, "así como, de ser o caso, das probas analíticas correspondentes aos participantes", como PCR ou test de antíxenos ou serolóxicos.

Ademais, suprímese do articulado a referencia a que "terá o carácter de congreso ou evento virtual aquel que se desenvolve a través de medios tecnolóxicos na súa totalidade" e modifícanse algúns parámetros de puntuación.

A modificación implica tamén un novo prazo de presentación de solicitudes, que será dun mes contado a partir do día seguinte á publicación desta resolución no DOG. Entenderase como último día do prazo o correspondente ao mesmo ordinal do día da publicación que, en caso de ser inhábil, entenderase prorrogado ao primeiro día hábil seguinte.

MÁIS DE MEDIO MILLÓN DE EUROS

A convocatoria está dirixida a entidades organizadoras de congresos, seminarios, convencións ou incentivos, así como calquera outra entidade organizadora de eventos nos que os seus participantes pasen polo menos unha noite en Galicia, co obxectivo de promocionar este tipo de turismo cando a situación o permita.

Esta convocatoria conta cun orzamento total de 650.000 euros dividido en dúas anualidades, cun crédito de 200.000 euros para o 2021 e de 450.000 euros para 2022, o que supón un incremento dun 20% de orzamento respecto ao ano pasado.

Poderán beneficiarse desta convocatoria de axudas en réxime de concorrencia non competitiva universidades ou organismos públicos de investigación, a través dos seus centros, institutos, departamentos, seccións ou outras unidades de investigación; sociedades científicas legalmente constituídas, colexios profesionais e outras entidades públicas ou privadas sen ánimo de lucro con personalidade xurídica propia así como empresas persoais organizadoras de congresos, reunións e incentivos.

Os eventos obxecto da solicitude de axuda deberán executarse entre o 1 de abril e o 31 de outubro de 2021 para a primeira anualidade e entre o 1 de novembro de 2021 e o 31 de outubro de 2022 para a segunda anualidade. Os beneficiarios poderán optar a axudas entre os 2.500 e os 30.000 euros como máximo por evento, o que supón tamén un incremento dun 20% no importe máximo a percibir por axuda concedida, en función da puntuación conseguida.

Feijóo, na rolda de prensa posterior a un Consello da Xunta.. Xunta de Galicia
Feijóo, na rolda de prensa posterior a un Consello da Xunta.. Xunta de Galicia

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta