Por E.P. | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 13/03/2021 | Actualizada ás 20:00
A Deputación de Pontevedra destinou case oito millóns de euros para a contratación de 757 persoas da provincia ao amparo do 'Plan Concellos 2021' ao que, coa última achega para o municipio de Agolada, son xa 49 os concellos que completou a terceira liña deste programa de emprego.
Esta última achega recibiu o visto e prace do executivo provincial na xunta de goberno celebrada este venres, 11 de marzo, que tamén aprobou novos convenios de colaboración para a dotación do Servizo de Administración Electrónica, no marco do novo contrato 2021.
Así, outras oito entidades locais da provincia, en concreto dos concellos de Caldas de Reis, A Illa de Arousa, Cerdedo-Cotobade, A Lama, Pazos de Borbén, Ponte Caldelas, Meaño e a Entidad local Menor de Camposancos; entran a formar parte do programa de administración dixital da corporación provincial.
A institución que preside Carmela Silva aprobara recentemente o contrato para a prestación deste servizo para os concellos de menos de 50.000 habitantes, cun investimento de 578.500 euros. Cos acordos coas 8 entidades ás que se acaba de dar luz verde, a deputación suma xa un total de trinta aprobados no que vai de ano.
TURISMO
Ademais, a xunta de goberno da Deputación de Pontevedra deu luz verde a unha liña de axudas por 130.000 euros dirixidas as entidades para impulsar actividades turísticas na provincia.
Como novidade, as achegas discriminarán positivamente as iniciativas que contribúan á dinamización económica dos sectores máis afectados polas restricións derivadas da covid-19.
Neste ámbito, xa foron aprobadas en menos dun mes bases por valor de 330.000 euros para impulsar o sector turístico da provincia xa que, a estes 130.000 euros súmanse os 200.000 euros aprobados o pasado mes para a contratación de persoal nas oficinas de información turística Rías Baixas.
A Deputación de Pontevedra incrementa este ano a contía máxima das achegas que chegará ata os 5.500 euros por entidade, 500 máis que o establecido o pasado ano. A través destas axudas búscase colaborar no fomento do turismo e na profesionalización do sector.
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.