A metade dos dependentes maiores de 65 anos non están cubertos pola lei galega

Estímase que en 2035 haberá 140.000 dependentes, para cuxos coidados serán necesarios entre 4.000 e 5.000 postos de traballo máis.

Por E.P. | Santiago de Compostela | 12/03/2021 | Actualizada ás 15:23

Comparte esta noticia

As prestacións da Lei de Dependencia de Galicia (Lapad) cobren as necesidades da metade dos dependentes galegos (51%) maiores de 65 anos, segundo un informe do Consello Económico e Social de Galicia (CES) que, aínda que destacou "os avances e esforzos da Administración pública nesta materia", recoñece que "aínda hai moitos aspectos a mellorar".

Atención a persoas dependentes
Atención a persoas dependentes | Fonte: Europa Press - Arquivo.

Estes datos sobre a dependencia e o coidado dos maiores recóllense no informe 'O sistema de coidados de longa duración en Galicia desde a perspectiva da prestación de servizos e creación de emprego', presentado esta mañá na sede do CES en Santiago de Compostela polo seu presidente, Agustín Hernández, e os responsables do estudo e docentes na Universidade da Coruña, Raquel Martínez Buján e Paolo Rungo.

"O obxectivo é que o informe sexa útil para a sociedade galega, que sexa un punto de partida para mellorar, polo que lle trasladaremos o estudo e as súas conclusións ao Goberno autonómico", indicou o presidente do CES sobre un estudo que naceu co obxectivo de "avaliar o sistema de coidados das persoas maiores dependentes desde a implementación da Lapad.

"Aínda que os datos reflicten que a administración pública fixo un gran esforzo e percíbese melloría, hai aspectos que corrixir. É necesario actualizar o modelo de coidados porque, datos como o aumento da esperanza de vida, provocan unha tensión no sistema actual", explicou Martínez Buján Para a responsable do informe, a atención á dependencia "é o desafío máis relevante" do noso tempo.

En Galicia, segundo indica o estudo, máis de 120.000 persoas son dependentes, 117.875 viven nos seus propios fogares e un 77% deles son maiores de 65 anos.

Atendendo ás estatísticas de esperanza de vida e de natalidade, o CES predí que "o crecemento da poboación dependente con dereito a prestación alcanzaría, de media, as 1.780 persoas ao ano, ata chegar a pouco menos de 140.000 no ano 2035", sendo necesarios entre 4.000 e 5.000 postos de traballo máis.

UN SECTOR ALTAMENTE PRECARIZADO E FEMINIZADO

Outro dos problemas que, segundo o estudo do Consello Económico e Social presenta o sistema de coidados galego é a "alta precarización e feminización" destas tarefas. O CES sinala que o 66,5% das persoas con dependencia recibe coidados unicamente da familia.

Nos núcleos familiares, ademais, o 62,8% das coidadoras son mulleres, cunha media, á semana, de 43 horas de coidados, que levan desempeñando, de media, "uns oito anos".

"Unha de cada 3 mulleres recoñeceu ademais que, nalgún momento, reduciu o seu traballo para facerse cargo do coidado dun dependente", recalcou Martínez Buján.

A temporalidade, segundo destacou Rungo, tamén é maior neste sector, onde os contratos deste tipo alcanzan o 35%, mentres que a taxa xeral en Galicia atópase no 25%.ta un 1,5% do PIB os fondos para dependencia".

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta