Novo obxectivo político da Xunta: o control das federacións deportivas

As federacións deportivas galegas recibiron en febreiro unha “instrución” polo que a Secretaría Xeral para o Deporte, podería realizar auditorías económicas e de xestión. Pedíase a remisión á Secretaría Xeral os “respectivos regulamentos de licenzas deportivas para a tempada 2021/2022”. A queixa dalgunhas federacións é que dentro da Lei para o Deporte galego non figuran os pasos para a creación de regulamentos para outorgar licenzas deportivas. A pregunta para algunhas federacións é, por que se fixo isto así?

Por Moncho Mariño | Santiago de Compostela | 15/03/2021 | Actualizada ás 22:00

Comparte esta noticia

O pasado dez de febreiro o DOG publicaba unha “instrución” que, cando menos, sorprendeu ás federacións deportivas galegas. O disposto era a obrigatoriedade para todo o corpo deportivo federado galego de enviar á Secretaría Xeral para o Deporte o regulamento de cada ente federativo para a extensión de licenzas deportivas. As queixas dalgunhas federacións viñeron porque o documento argumentaba os motivos para que a Secretaría Xeral poida realizar auditorías económicas e de xestión. Outro motivo de molestia foi non ter comunicado o envío ao DOG deste documento, que algunhas fontes cualificaron como feito con “nocturnidade e aleivosía”.

José Ramón Lete Lasa secretario xeral para o Deporte. XUNTA
José Ramón Lete Lasa secretario xeral para o Deporte. XUNTA

LEI DO DEPORTE A MEDIO FACER

“Existe unha boa comunicación entre a Secretaría Xeral e as federacións. O que non gustou foron as maneiras en que se comunicou a instrucción de febreiro” din desde a Federación Galega de Piragüismo. Desde esta federación consideran que unha actuación como a anunciada no documento de febreiro “causa moita inseguridade” entre os órganos deportivos federados.

O motivo da inseguridade nace a partir do artigo 27 da Lei do Deporte, onde se declara que para participar nas competicións oficiais federadas, universitarias ou escolares “será necesario estar en posesión de, respectivamente, a correspondente licenza federativa, universitaria ou escolar, de acordo coas condicións de expedición que se establezan nas disposicións de desenvolvemento desta lei”. “O difícil é que haxa un regulamento sobre licenzas se na propia lei non se especifica como facelo” din desde Piragüismo.

“Estamos de acordo coas auditorías económicas, mais as auditorías con algo que non está regulamentado crean inseguridade”. A interpretación para as fontes consultadas é que a Secretaría Xeral para o Deporte publicou no DOG a instrucción “para darlle apoio legal”. No caso de Piragüismo si houbo unha auditoría sobre as instalacións que non deu resultado negativo.

O MODO DE ACTUAR, POR QUE?

Por que a Secretaría Xeral para o Deporte actuou dunha maneira tan sorpresiva sobre as federacións? A Secretaría Xeral, dirixida por José Ramón Lete Lasa, depende directamente da Presidencia da Xunta de Galicia. “As federacións son entes privados que teñen competencias delegadas pola Xunta” din da Federación Galega de Ciclismo. Aí reside o medo dalgunhas federacións, que os órganos de goberno dunha federación que “non cumpra” puideran ser substituídos ou dirixidos directamente desde o organismo público para o deporte.

A Secretaría Xeral vincula as súas actuacións “ao artigo 5.1. h) da Lei 3/2012, do 2 de abril, do deporte de Galicia, en redacción dada polo artigo 28.un da Lei 4/2021, do 28 de xaneiro, de medidas fiscais e administrativas”. Entre as facultades da Administración deportiva autonómica figura a de “aprobar os estatutos das entidades deportivas, así como os regulamentos electorais, os regulamentos de licenzas e os regulamentos relativos ao funcionamento interno das federacións deportivas, ao obxecto de supervisar con carácter previo estes regulamentos e así evitar as disfuncións e conflitos que se producían con anterioridade e que eran causa de procedementos ante o Comité de  Xustiza Deportiva”.

En relación á concesión de licenzas, a resposta  é que na  Lei de 2012 xa se recollía como contido mínimo dos Estatutos das Federacións deportivas. Así o artigo 55 sinalaba que os estatudos dunha federación deberan regular ou conter polo menos:

d) Os requisitos de adquisición ou perda da condición de federado e os dereitos, deberes e responsabilidades de todos os seus integrantes.
l) O réxime de concesión de licenzas federativas e condicións destas.

Mais isto non resolve para algunhas federacións a falta de concreción en materia de desenvolvemento da lei do deporte galego. Entón que ocorreu para que en febreiro de 2021, usando unha manobra legal como é apoiarse no DOG, Deporte decidise unha intervención por sorpresa? “Cremos que era unha maneira de buscar algo, alguén non estaba facendo as cousas como querían” sinalan desde Piragüismo, pois esta federación engade que “logo recoñeceron que non eran as formas, cremos andaban buscando biosbardos”.

Dentro do mundo do deporte federado en Galicia a sensación é que a Lei para o deporte galego non está totalmente desenvolvida. Isto crea situacións como a vivida en febreiro cando a Secretaría Xeral para o Deporte decidiu realizar auditorías nas diferentes federacións. Os modos non gustaron, a Secretaría recoñeceu que non eran formas mais, por que o fixo? Unha fonte anónima vinculada ao deporte federado en Galicia considera que foi un golpe de man para que ninguén escape ao control da Secretaría.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta