(VÍDEO) Un ano despois do inicio da pandemia, como cambiou a vida dos galegos?

Este 14 de marzo cúmprese un ano dende que entrou en vigor o primeiro Estado de Alarma decretado polo Goberno debido á expansión do coronavirus polo territorio español. Dende entón, a Covid-19 provocou a morte de máis de 70 mil persoas e unha profunda crise sanitaria e económica.

Por Jessica Fernández | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 13/03/2021 | Actualizada ás 22:00

Comparte esta noticia

Desbordamento das UCIs, peches de comercios, illamento social... estes e moitos máis son os problemas que trouxo a pandemia pola Covid-19, que chegou ás nosas vidas de súpeto para quedar e cambiar todos os aspectos que conforman a nosa sociedade.

Rosa Cerqueiro Landín, psicóloga clínica e colexiada no Colexio Oficial de Psicoloxía de Galicia
Rosa Cerqueiro Landín, psicóloga clínica e colexiada no Colexio Oficial de Psicoloxía de Galicia

Debido ao preocupante crecemento da Covid-19 polo territorio, o Goberno español anunciou o 13 de marzo que, ao día seguinte, o 14 de marzo, entraría en vigor o primeiro Estado de Alarma pola Covid-19, que confinou a toda a sociedade nas súas casas durante máis de tres meses, ata o 21 de xuño.

Así, restrinxiuse o acceso a calquera tipo de evento social, pecharon os centros educativos e os traballos non esenciais quedaron relegados ao xa famoso "teletraballo", que obrigou a moitos a adaptarse de súpeto a unha situación dixital á que non estaban acostumados. 

Así, como defende a doutora Rosa Cerqueiro Landín, psicóloga clínica e colexiada no Colexio Oficial de Psicoloxía de Galicia, moitas persoas tiveron que vivir unha situación límite na que non puideron conciliar a vida familiar coa laboral, así como outras tiveron que enfrontarse á ausencia da capacidade tecnolóxica suficiente para facer fronte á nova realidade.

"ANGUSTIA"

Esta situación, segundo a psicóloga, provocou unha sensación de angustia e incerteza que derivou en moitos casos de ansiedade, que tiveron que ser atendidos telefonicamente polos servizos sociais de axuda psicolóxica.

Local pechado en Santiago de Compostela
Local pechado en Santiago de Compostela

Porén, Cerqueiro resalta que os problemas de saúde mental relacionados coa ansiedade xa estaban presentes antes da pandemia e que debían reforzarse os recursos e o persoal que atende ás persoas que a padecen.

Con todo, tras tres ondas de coronavirus e varios Estados de Alarma impostos no noso país, a sociedade segue a sufrir as consecuencias dunha pandemia que non dá tregua. Por isto, serán os poderes públicos e a sociedade os encargados de controlar esta situación e que afecte o menos posible as xeracións futuras.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta