A neumóloga dunha Unidade de Seguimento do Covid: "Foi un ano moi duro, con medo ao contaxio"

A doutora Núñez lembrou que no mes de marzo do ano pasado, con motivo do inicio da pandemia, púxose en marcha na área sanitaria de Vigo esta Unidade de Seguimento do Covid, que na actualidade conta cuns 800 pacientes en seguimento.

Por Europa Press / Redacción | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 14/03/2021 | Actualizada ás 12:33

Comparte esta noticia

A Unidade de Seguimento do Covid de Vigo cumpre este mes de marzo un ano de funcionamento como consecuencia da pandemia pola Covid-19, meses de traballo "moi duro" para os seus profesionais, que destacan a "moi boa colaboración" forxada e a creación de "equipos multidisciplinares".

"Foi moi duro. Ao principio con medo ao contaxio e ser portador asintomático que poidas contaxiar a compañeiros e familiares", explicou a neumóloga da Unidade de Seguimento do Covid Marta Núñez, preguntada polo balance cando se cumpre un ano do confinamento domiciliario decretado para frear a pandemia.

No entanto, destacou a relación con outras unidades como Medicina Interna ou UCI porque "a colaboración foi moi boa". "Creouse un equipo multidisciplinar. É algo que nos uniu, foi moi fácil traballar así", subliñou, para asegurar que no marco desta situación complicada "saíu algo moi bo e positivo".

A doutora Núñez lembrou que no mes de marzo do ano pasado, con motivo do inicio da pandemia, púxose en marcha na área sanitaria de Vigo esta Unidade de Seguimento do Covid, que na actualidade conta cuns 800 pacientes en seguimento.

SECUELAS

Un ano despois, esta neumóloga explicou que as secuelas respiratorias que adoitan ver "son leves". Así, entre os pacientes da primeira onda que estudaron coa realización de diferentes probas constataron que "contaban con dificultade respiratoria" e presentaban, entre outras, "sensación de falta de forza, cadros depresivos, cansazo xeneralizado ou fatiga muscular maior".

Nalgúns pacientes comprobaron que "había lesións radiolóxicas que tardaban moito" en curar. Segundo concretou a doutora Núñez, de entre uns 200 pacientes da primeira onda analizados aos que se lles fixo un TAC, un "70% tiña lesións residuais moi leves". "Persoas con fibrose vemos moi poucas", abundou.

A raíz do estudo destes pacientes que pasaron a Covid na primeira onda aos que realizaron probas ao tres meses, os especialistas aprenderon para afrontar os seguintes. Así, comentou que nalgúns casos presentaban "patoloxía non completamente resolta", como unha "pneumonía máis lenta de resolución" que, matizou, "require máis esforzo en recuperarse". Deste xeito, incidiu en que un ano despois, pódense ver "lesións residuais leves".

PERFIL

Homes de máis de 65 anos constitúe o perfil máis habitual de paciente con "alteracións máis persistentes" debido á Covid-19, detallou esta especialista. Así, comentou que se trata de persoas con "máis idade, con outras enfermidades" e que tiveron un "cadro máis grave" e nalgúns casos permanecido en UCI con soporte de respiración asistida. Tras a análise de pacientes da primeira onda, esta Unidade de Seguimento do Covid adapta a metodoloxía para abordar os da segunda e terceira con "as probas que serven".

Marta Núñez valorou que cando estes pacientes comezaron a chegar presencialmente ás consultas mostráronse "moi agradecidos" co persoal e "querían coñecer á persoa que os chamou por teléfono" para realizarlles o seguimento. Segundo concretou, presentaban insomnio e cadros depresivos, entre outros, porque estaban "desbordados".

"PÓDECHE TOCAR A TI"

A Comunidade galega rexistrou o 14 de marzo de 2020, dez días despois do primeiro caso diagnosticado de Covid-19 --na área da Coruña--, a primeira vítima mortal dunha persoa diagnosticada con este coronavirus, unha muller de 92 anos con múltiples patoloxías previas que se atopaba ingresada no hospital vigués Povisa.

O día seguinte, ás 00,00 horas do 15 de marzo, o decreto do primeiro estado de alarma con motivo da pandemia supuxo, ademais, o confinamento de toda a poboación durante varios meses.

Cando se cumpre un ano do inicio dese confinamento de varios meses, a doutora Núñez apelou aos cidadáns a "non relaxarse". "Non tes que ser unha persoa maior para ter unha pneumonía por Covid", advertiu, para puntualizar que viu casos de ingresados de entre 40 e 45 anos. "Pódeche tocar a ti", advertiu.

"Teste que protexer, non hai nada que che diga que non a terás", insistiu na súa mensaxe á poboación para recalcar que "as pneumonías son graves". Por iso, cre "bo" que "a xente máis nova non se relaxe aínda", polo menos "ata que unha gran parte da poboación estea vacinada".

UCI do Hospital Clínico de Santiago.. ANA VARELA/SERGAS / Europa Press
UCI do Hospital Clínico de Santiago.. ANA VARELA/SERGAS / Europa Press

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta