A CEG quere "axilidade e simplificación" para o acceso ás axudas directas do Estado

A Confederación de Empresarios Galega lamenta que o Executivo estatal deixase "pendente de definir" as condicións aplicables.

Por E.P. | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 14/03/2021 | Actualizada ás 18:30

Comparte esta noticia

A Confederación de Empresarios de Galicia (CEG) solicita "axilidade e simplificación" ás administracións implicadas na tramitación e repartición do fondo de 7.000 millóns de euros de axudas directas anunciado esta semana polo Goberno central.

Nun comunicado emitido este domingo, a patronal galega suxire á Xunta que "debería porse canto antes" a definir "os criterios e bases" das convocatorias para "acelerar o fluxo de recursos" ás empresas. E é que serán as comunidades as encargadas de distribuír as contías.

Neste contexto, a CEG lembra que aínda "queda por definir" por parte do Ministerio de Facenda a distribución entre as autonomías, ademais de que o Real Decreto-Lei co fondo de 11.000 millóns de euros --no que se inclúen os 7.000 destinados a axudas directas-- aínda deixa "cuestións sen definir". Por iso, os empresarios galegos urxen á Xunta a determinar os criterios tomando como base os dous plans de rescate aprobados recentemente, destinados á hostalaría, a autómos e pemes.

Entre as características da repartición, a CEG ve prioritario "simplificar a tramitación" das empresas e "non incorporar obrigacións ou requisitos que limiten" o acceso ás contías máis aló do disposto no Real Decreto-Lei, que esixe o mantemento da actividade ata xuño de 2022.

Á parte dos 7.000 millóns de euros, a patronal tamén valora o fondo de 3.000 millóns para reestruturación de débeda financeira e os 1.000 millóns para recapitalizar as pemes a través da Compañía Española de Financiamento do Desenvolvemento (Cofides).

Iso si, sobre este fondo,  a CEG lamenta que o Executivo estatal deixase "pendente de definir" as condicións aplicables, o prazo de solicitude e os requisitos, á vez que expón o seu temor a que esta medida dea unha "vantaxe inxustificada" ás empresas que xa solicitaron préstamos avalados polo Instituto de Crédito Oficial (ICO) fronte ás que non o fixeron ou optaron por entidades financeiras.

Así mesmo, a Confederación de Empresarios de Galicia ve "preocupante" a "limitación por sectores de actividade" que establece o Real Decreto-Lei, posto que sectores como o industrial "tamén sufriron un descenso de actividade e de facturación moi significativo". "Pode ocorrer que compañías que tivesen perdas non poidan solicitar axudas por non pertencer aos sectores que establece o anexo", advirte a patronal.

O presidente da CEG e secretario xeral de Anfaco-Cecopesca e vicepresidente da CEP, Juan Manuel Vieites Baptista de Sousa
O presidente da CEG e secretario xeral de Anfaco-Cecopesca e vicepresidente da CEP, Juan Manuel Vieites Baptista de Sousa | Fonte: Carlos Castro - Europa Press.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta